A Xunta contratará rastreadores da COVID-19 que outras autonomías xa teñen

Médicos cren "un avance" usar rastreadores por ser "unha medida necesaria" para "investigar os contactos" de contaxiados

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/05/2020 | Actualizada ás 12:29

Comparte esta noticia

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) anunciou a contratación de 11 novos técnicos e a posta en marcha dunha plataforma tecnolóxica de seguimento para rastrexar os contactos de persoas infectadas por COVID-19. Uns rastreadores que xa comezaron a funcionar noutras autonomías e son fundamentais para saber a evolución e circulación da pandemia.

Así o explicaron a Europa Press fontes da Consellería de Sanidade, que indicaron que o establecemento do sistema actual, con todas estas actividades centralizadas "incide de forma positiva á hora de coordinar e xestionar dunha forma máis efectiva a pandemia".

"Entre as vantaxes da centralización estarían a garantía de que se utiliza un protocolo único, unha mellor atención ás incidencias que se poidan producir, unha maior axilidade para obter a información de forma diaria e un maior control de todo este proceso", subliñaron.

Ata o de agora, Sanidade utilizaba para o rastrexo de contactos de persoas infectadas por COVID-19 a plataforma xa existente, posta en marcha o pasado luns 11 de maio, "que asumiu a atención do teléfono gratuíto 900 400 116 para dar resposta á gran demanda de información sobre o coronavirus ao comezo da pandemia".

As mesmas fontes de Sanidade detallaron que os protocolos de actuación, así como os circuítos da información e o manexo de incidencias, desenvolvéronse por parte da Dirección Xeral de Saúde Pública "en estreita colaboración" coa Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria, xa que a actuación da plataforma de rastrexo "debe estar intimamente ligada ás actuacións asistenciais particularmente con Atención Primaria e servizos de Medicina Preventiva, entre outros", abundaron.

Ademais da plataforma, participan no rastrexo os servizos de Medicina Preventiao e os técnicos de vixilancia epidemiolóxica das Xefaturas Territoriais de Sanidade e de Servizos Centrais da Consellería.

ENQUISA

Sobre o funcionamento, Sanidade indicou que o rastrexo iníciase cunha enquisa epidemiolóxica vía telefónica a todos os casos confirmados por COVID-19. Nela, o paciente, notificará os datos das persoas coas que mantivo contacto estreito, desde dous días antes do comezo dos síntomas ata o momento do seu illamento.

Estes contactos son seguidos diariamente para detectar a presenza de síntomas compatibles con infección por COVID-19, momento en que se derivan ao seu médico de Atención Primaria para a súa valoración e solicitude de PCR se así se estima. En caso de confirmación da infección desencadéase de novo o rastrexo dos seus contactos.

Dispositivo sanitario de PCR para detectar a infección por coronavirus
Dispositivo sanitario de PCR para detectar a infección por coronavirus | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta