Que efectos ten a velutina sobre a polinización?

A Asociación Forestal Galega realizará un gran estudo sobre o impacto deste animal nos insectos polinizadores.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/05/2020 | Actualizada ás 19:48

Comparte esta noticia

A Asociación Sectorial Forestal Galega (ASEFOGA) puxo en marcha o proxecto 'Biodiversidade Polinizadora' a través do que realizará un estudo sobre a afección da presenza da Vespa velutina nos insectos polinizadores. Nun comunicado, a asociación detallou que o proxecto conta co apoio da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.

Segundo indicou, a Vespa velutina converteuse nunha ameaza para os insectos polinizadores xa que as avespas asiáticas son fortes depredadoras e cazan outros insectos para alimentar ás crías da súa colmea. Este feito, conforme sinala, supón unha perda de organismos con acción polinizadora, un servizo ecosistémico clave para garantir a reprodución de numerosas especies vexetais, entre elas especies de interese agrícola.

Por este motivo, a entidade sinala que conservar os insectossilvestres é unha prioridade das estratexias de conservación e para poder logralo é indispensable coñecer as súas ameazas.

O proxecto ten unha duración de 2 anos e para desenvolvelo seleccionaranse niños de velutina en distintos ambientes climáticos de Galicia que serán monitorados mediante sensores que recollen distintos datos de variables atmosféricas co fin de coñecer se afectan á actividade depredadora da Vespa velutina.

Outro dos aspectos de estudo será a identificación das presas que leva ao niño a velutina para realizar a súa caracterización e obter información dos grupos de insectos que son máis atacados pola especie exótica.

Avespa velutina ataca unha abella
Avespa velutina ataca unha abella | Fonte: Danel Solabarrieta en Flickr.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta