Os concellos galegos ven "moi difícil" controlar o acceso ás praias: "Non temos medios"

Consideran que a proposta da Xunta non é acertada porque compara o acceso á praia das Catedrais con outros areais que teñen máis puntos de entrada.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/05/2020 | Actualizada ás 14:45

Comparte esta noticia

Os concellos galegos consideran que sería "moi difícil" instaurar un sistema de autorización previa para controlar o acceso e o aforamento das praias durante o verán xestionado desde os municipios, que non teñen "persoal para asumir" estas tarefas. "Non temos medios", admitiu o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, en relación ao proxecto que perfila a Xunta para controlar o aforamento das praias galegas.

A praia de Samil encheuse co bo tempo na fase 1 de desescalada
A praia de Samil encheuse co bo tempo na fase 1 de desescalada | Fonte: © Miguel Núñez.

Este luns, tras unha reunión, o Executivo galego avanzou a súa intención de pór a disposición dos concellos unha ferramenta para o control do acceso aos areais, que comparou co vixente na Praia das Catedrais ou cunha ferramenta de "cita previa" que evite aglomeracións.

Con todo, tal e como recoñeceu o presidente da Fegamp, o sistema "non está moi perfilado" e os municipios aínda non coñecen os detalles, algo que o Goberno galego lles trasladará nunha reunión convocada para o mércores.

Alberto Varela explicou que non sería igual se a plataforma esixise "control" de acceso e unha "cita previa" para ir á praia ou se se tratase dunha "ferramenta para que os cidadáns puidesen ter información", se queren ir "libremente" a unha praia, acerca do seu grao de ocupación.

"Moitos compañeiros xa me trasladaron que a xestión por parte dos concellos é moi difícil", explicou Alberto Varela, precisando que a situación "non é a mesma" nun areal urbano ou na Praia das Catedrais, que conta cun único acceso, que en praias máis apartadas, extensas ou que teñen "moitos puntos de acceso".

"Non dispomos de persoal para controlar. Se é necesario pedir cita e controlalo, vai ser imposible de xestionar por parte dos concellos", destacou.

A opinión desde a Fegamp, subliñou o seu presidente, é que as recomendacións deben ser proporcionadas polas "autoridades con competencia" na materia. "Son eles os que nos guían", engadiu.

En todo caso, e se é "obrigatorio controlar todas as praias", Varela lembrou que se trata de "demasiadas tarefas" que "non se poden recargar nos concellos" e que tampouco poden recaer nos socorristas. "Non temos persoal para asumilas todas", resolveu.

XUNTA

A Xunta reunirase este mércores coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para presentarlles a súa proposta para controlar o aforamento das praias máis concorridas da comunidade este verán, unha cuestión que será voluntaria e "flexible", indicou o Executivo galego, "respectando a autonomía municipal".

A intención do Goberno galego é porse "a disposición dos concellos" para "axudar no manexo da capacidade dos areais que establece o Ministerio de Sanidade" por mor da pandemia de COVID-19. Para iso, a Xunta analizou, a través do Instituto de Estudos do Territorio, a superficie de cada praia da comunidade, para determinar o seu aforamento máximo e poder facilitar a súa xestión.

A implementación destas medidas por parte dos concellos, indicou a Xunta nun comunicado, "será de carácter voluntario e flexible, respectando a autonomía municipal no ámbito das súas competencias".

Durante a reunión, analizaranse as necesidades específicas das localidades, de modo que aqueles concellos que o necesiten poidan empregar o sistema desenvolvido pola Xunta, similar ao que xa se emprega nas Catedrais, ou optar por outros alternativos.

CASE MIL PRAIAS

Segundo os datos do Goberno galego, en Galicia hai parametrizadas un total de 960 praias e os estudos indican que poderían ir "con total seguridade" a elas máis de 936.000 persoas ao día. O visor do Catálogo de Praias de Galicia permite obter datos sobre a superficie exacta de cada areal e outra información valiosa para poder determinar a súa capacidade de carga en función dos criterios fixados por parte do Goberno do Estado.

Con estes datos, o Goberno galego adiantou este luns que están a perfilar unha APP que permitiría regular os accesos mediante autorización previa, para evitar que se incumpran as capacidades máximas dos areais.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 anonimo

¿ E cal sería o seguinte ? ¿ Implantar tamén a cita previa para pasear no monte ? Galicia ten mais de 900 praias e 1.700 km de costa. Pensar que se pode controlar eso é infantil. ¿ Cómo se pode controlar una praia urbana ? ¿ Poñendo douscentos policías a súa beira ? ¿ Ou controlar a praia de Carnota, con seis km de longo? Algo de tolos. A maioría dos Alcaldes xa dixeron que é algo completamewnte inviable-

1 anonimo

Simplemente, unha idea de tolos. Inviable, inútil, infantil.