Sanidade di que os galegos poderán "votar con tranquilidade", para o que "xa traballa" nun protocolo

O estudo epidemiolóxico do Sergas sitúa a prevalencia no 1,15%, "máis en mulleres que homes".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/05/2020 | Actualizada ás 14:50

Comparte esta noticia

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, dixo este luns que os galegos poderán ir votar "con tranquilidade" durante a xornada electoral do 12 de xullo, para a cal a Xunta "xa está a traballar" nun protocolo específico. Así o asegurou o titular de Sanidade nunha rolda de prensa telemática, xunto ao director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, e ao subdirector xeral de Información sobre Saúde e Epidemioloxía, Xurxo Hervada, para presentar o informe co que Sanidade pedirá a entrada das catro provincias galegas na fase 2 da desescalada.

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e o director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal
O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e o director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal | Fonte: Europa Press

Nesta comparecencia, Vázquez Almuiña recoñeceu que abordar uns comicios coma estes "evidentemente é unha situación nova" e que "nunca se deu". No entanto, afirmou que a súa Consellería "xa está a traballar" nun protocolo en coordinación coa Vicepresidencia da Xunta, o departamento responsable do desenvolvemento electoral, e nas instrucións para o desenvolvemento da campaña.

A convocatoria do 12 de xullo dada a coñecer este mesmo luns polo presidente do Executivo galego, Alberto Núñez Feijóo, e recollida este martes polo Diario Oficial de Galicia (DOG), contaba cun informe favorable do comité clínico de Sanidade, que advertía que deixar as eleccións para o outono —xusto cando finaliza a lexislatura— podería coincidir cun rebrote da pandemia.

O conselleiro de Sanidade tamén defendeu que a data escollida é ao mesmo tempo "mellor" que a anterior chamada ás urnas, fixada para o 5 de abril, que "xusto foi dos días centrais da pandemia", engadiu.

ACTIVIDADES "MÁIS COMPLEXAS"

Agora, cunha nova convocatoria no medio do verán, Vázquez Almuiña apuntou a que a xornada se vai poder desenvolver "con tranquilidade", ao que engadiu que nestes momentos "hai moitas máis actividades que se están facendo de grupos" e que "son máis complexas de controlar" que a votación.

Para apoiar esta postura, o conselleiro calculou que nos últimos días hai unha media "de menos de 10 casos" detectados en toda Galicia. "É dicir, non hai circulación (do virus) neste momento", resumiu.

En calquera caso, o titular de Sanidade comprometeu que se porán "todos os medios para que non haxa un brote nunca máis" da COVID-19.

ESTUDO EPIDEMIOLÓXICO

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, asegurou que a primeira onda do estudo epidemiolóxico levado a cabo polo Sergas en Galicia sitúa a prevalencia da COVID-19 no "1,15 por cento da poboación, máis en mulleres que en homes".

Así o indicou preguntado sobre os resultados da primeira fase do estudo epidemiolóxico do Sergas con máis de 50.000 test realizados para coñecer a circulación do virus en Galicia. Segundo ratificou, están "a terminar" cos datos da primeira onda e apuntou que "en breve", "nun par de días" presentarán os resultados.

Con todo, reiterou que os "datos globais" apuntan a que "a prevalencia é baixa, como se sospeitaba", cun "1,15 por cento". "Comparado con outras áreas de España, polo estudo do Ministerio, (a prevalencia en) Galicia está baixa".

"Non houbo a circulación que esperabamos todos", recoñeceu Almuiña. "Desde logo preferiamos que houbese algo máis de circulación para esa inmunidade de grupo, pero a realidade é esta", apostilou, "en toda España, non só en Galicia", puntualizou.

Con todo, o titular de Sanidade insistiu en que, por iso, hai que seguir "potenciando o diagnóstico precoz e illamento para evitar que o virus circule".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta