A Xunta mantén a aposta pola súa marca de festivais 'Fest Galicia' con concertos online

A prioridade deste novo proxecto é apoiar economicamente as empresas produtoras para que o ano que vén poidan regresar cunhas edicións e carteis "tan sobresalientes" como os inicialmente previstos para 2020, di o Executivo.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/05/2020 | Actualizada ás 17:17

Comparte esta noticia

A Xunta continuará prestando apoio aos festivais profesionais de música de verán que integran a súa marca 'Fest Galicia', canalizando a achega económica a través do programa 'Fest Galicia en liña Xacobeo 2021', co que se apostará por concertos en liña e outras actividades relacionadas.

Esta iniciativa, incluída no Plan de Reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos derivados da COVID-19, contará cun investimento de 400.000 euros para desenvolver, a partir do mes de xullo, concertos en liña e outra serie de actividades, particularizadas e consensuadas coa Asociación de Festivais de Galicia e con cada unha das citas integradas na iniciativa.

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e o director da Agadic, Jacobo Sutil, reuníronse este mércores cos representantes desta asociación e de festivais implicados para avanzar no deseño desta programación.

A iniciativa busca reformular a achega económica aos eventos Fest Galicia, que inicialmente se ía a materializar en contratos de patrocinio condicionados á súa celebración baixo unha serie de criterios.

Nos últimos días anunciaron xa o seu adiamento a 2021 varios dos eventos Fest Galicia, como o Atlantic Fest, o PortAmérica, o Sonrías Baixas, o Resurrection Fest, o SinSal SON Estrela Galicia e o WOS Festival.

Por iso, a prioridade deste novo proxecto é apoiar economicamente as empresas produtoras para que o ano que vén poidan regresar cunhas edicións e carteis "tan sobresalientes" como os inicialmente previstos para 2020, destacou a Xunta nun comunicado.

Fotos Xunta. Videoconferencia Fest Galicia.. Xunta de Galicia
Fotos Xunta. Videoconferencia Fest Galicia.. Xunta de Galicia | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta