Denuncian a "paralización" da actividade asistencial de hospitais galegos

A Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública denunciou concretamente a situación do Hospital de Pontevedra, onde aseguran que se mantén "gran parte da planta dos servizos cirúrxicos pechada e practicamente a totalidade de casos e probas foron derivados ao Hospital Quirón"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/05/2020 | Actualizada ás 20:23

Comparte esta noticia

A Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública denuncia a "paralización da actividade asistencial nos hospitais públicos galegos", mentres que o Sergas asegura que esta actividade se recupera "gradualmente".

A xuízo dos defensores da sanidade pública, os hospitais non recuperaron a súa actividade asistencial habitual e manteñen "o peche de camas de hospital co argumento de evitar o colapso" destas instalacións debido á crise sanitaria, explicaron este mércores nun comunicado.

Pola súa banda, fontes da área Sanitaria de Pontevedra confirmaron a Europa Press que as plantas "non están pechadas", senón que "están abertas e dispoñibles para novas hospitalizacións".

E é que esta asociación denunciou concretamente a situación do Hospital de Pontevedra, onde aseguran que se mantén "gran parte da planta" dos servizos cirúrxicos pechada. "Segue habendo dous profesionais de garda e practicamente a totalidade de casos e probas foron derivados ao Hospital Quirón", un hospital privado da multinacional alemá Freshenius.

Con todo, as fontes consultadas desta área rebateron que "precisamente non se derivan" casos porque o número de diagnósticos activos de coronavirus descendeu e os servizos están en "total e plena dispoñibilidade".

Dada a diminución do número de casos, a asociación cre que xa "non parece sustentable" utilizar o argumento da COVID-19 "para evitar o risco de contaxio de pacientes que asisten aos hospitais públicos".

En todo caso, esta visión non é compartida por parte do hospital pontevedrés que asegura que "está a recuperar a actividade cirúrxica e de consultas gradualmente" e que os recentes datos sobre o coronavirus "facilitan que se renove esta actividade".

RECLAMACIÓNS

Para a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública isto non é suficiente e consideran "inaceptable manter paralizada a actividade asistencial" porque "supón un risco para os enfermos con patoloxías crónicas e dexenerativas".

Ao mesmo tempo, cren que "contribúe a incrementar as listas de espera e cotas inaceptables" e "supón unha privatización da atención hospitalaria que beneficia aos centros concertados".

Por todo iso, esixiron a "continuación inmediata" da actividade asistencial "normal" e a "reapertura e as salas e servizos clausurados pola pandemia"; así como "pór en marcha un plan para incrementar a actividade dos centros públicos" coa "contratación de persoal".

Manifestación en Vigo en defensa da sanidade pública
Manifestación en Vigo en defensa da sanidade pública | Fonte: © Miguel Núñez.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta