O comité de Navantia permite o acceso de empregados tras un día de parón pola fala de medidas de seguridade

CIG e CXT critican a outros sindicatos por aprobar o restablecemento da actividade ao entender que segue "sen garantirse a seguridade".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 21/05/2020 | Actualizada ás 10:33

Comparte esta noticia

Os traballadores de Navantia Ferrol e das compañías auxiliares puideron regresar este xoves aos seus postos de traballo no interior do estaleiro, tras a decisión do comité de empresa de non situarse nas portas de acceso como fixeron este mércores.

A mesma tomouse alegando que nas instalacións navais non se estaba cumprindo o protocolo de seguridade que pactaran sindicatos e dirección nun comité de emerxencia que teñen constituído por mor da pandemia do coronavirus.

A decisión de permitir retomar os labores produtivos foi comunicada ás 22,10 horas deste mércores, tras desenvolverse desde a mañá e durante todo a tarde encontros de representantes dos traballadores coa dirección, e da permanente do comité de empresa, onde están representados todos os sindicatos: CCOO, UGT, CIG, MÁS e CGT.

Desde a representación laboral adiantouse que durante este xoves e "desde primeira hora", vixiarán "o cumprimento destes avances", en alusión ao compromiso da dirección de realizar "melloras no uso dos vestiarios, con medidas de limpeza e hixiene, ademais da revisión periódica de que se cumpre o protocolo".

Concentración na porta de Navantia Ferrol
Concentración na porta de Navantia Ferrol | Fonte: Europa Press

DIFERENZAS ENTRE OS SINDICATOS

As seccións sindicais da CIG e a CXT en Navantia Ferrol acusaron as outras organizacións presentes no comité de empresa, CCOO, UGT e MÁS, de permitir retomar a actividade neste estaleiro sen garantir a seguridade dos traballadores, sobre todo por estimar que o protocolo pactado entre dirección e representantes dos traballadores, no comité de emerxencia, continúa sen aplicarse tal e como este recolle.

Así, a CIG sinalou que un dos motivos de impedir a entrada dos traballadores da empresa principal e da industria auxiliar este mércores, 20 de maio, era que na quenda de mañá "non se poderían incorporar máis persoas que as que entraron o venres pasado, 15 de maio", cando agora se permitiu.

O sindicato nacionalista tamén incidiu en que é necesario "comprobar se se cumpren as promesas feitas pola empresa, como a incorporación de vinte persoas de Acciona", empresa encargada do servizo de limpeza no estaleiro, e será entón cando, ao seu entender, "se valorará a incorporación de todo o persoal previsto para esta semana".

Por outra banda, reclaman que tanto Navantia e como as empresas auxiliares "teñen que facerse cargo dos salarios dos traballadores, dado que se trata dun paro técnico", ademais de impedir "que as empresas detraigan vacacións ou horas de goce aos operarios".

PREGUNTA

É por iso que a sección sindical da CIG en Navantia Ferrol apuntou que "desgraciadamente, a decisión da maioría do comité foi o asumir as promesas da dirección, e por tanto que se reincorpore todo o persoal que o martes estaba en activo, incluso asumindo a posibilidade do incumprimento destas promesas".

Esta central preguntouse "de que valeu entón a mobilización deste mércores" ou se "era só unha escusa para que alguén se lavase a cara", ademais de destacar que "coa saúde non se xoga, a empresa ten que dar pasos o máis seguros posibles e facer a reincorporación aos poucos e con prudencia".

SECCIÓN SINDICAL DA CXT

Pola súa banda, a sección sindical da CXT, asegurou que "a paralización de Navantia Ferrol demostrou" o que viñeron mantendo, "e é que a seguridade non está garantida".

Así, trasladou que "o martes pola tarde, o comité estimou que non había condicións de prevención e decidiu paralizar a actividade ao día seguinte", pero cuestionou: "Se o martes non se daban as condicións e o mércores non se traballou, incluída a limpeza, como é posible que o comité decidise que este xoves si hai condicións para traballar?".

CXT constatou que "só coa acción de parar un día a empresa xa accedeu a aumentar o persoal de limpeza, máis do que se conseguiu en cinco semanas de debates coa dirección e comité de emerxencia sobre deficiencias, propostas ou medidas".

Por último, asegurou que se opuxo na reunión da permanente do comité de empresa a retomar a actividade e que expuxo estes argumentos: "para que haxa o reingreso de traballadores, primeiro teñen que estar garantidas as condicións de seguridade, esas condicións pasan por facer investimentos en recursos materiais e humanos concretos, ao que Navantia se resiste". Tamén reclamou "establecer un plan de loita sindical para que os traballadores non paguen os pratos rotos desta crise".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta