O ministro Illa asegura que o cambio de fase e as medidas de alivio non impactaron negativamente na epidemia

O titular de Sanidade confirman que hai unha tendencia "descendente e sostida" froito do "esforzo" que realizou toda a cidadanía.

Por Europa Press / Redacción | Madrid | 21/05/2020 | Actualizada ás 13:34

Comparte esta noticia

O ministro de Sanidade, Salvador Illa, confirmou que o cambio á fase 1 dalgunhas comunidades autónomas e as medidas de alivio, por exemplo a saída á rúa dos nenos ou o permiso de paseos e deporte ao aire libre, non tiveron un impacto negativo na evolución da epidemia do coronavirus.

O ministro de Sanidade, Salvador Illa
O ministro de Sanidade, Salvador Illa | Fonte: Europa Press.

Así o asegurou durante a súa novena comparecencia na Comisión de Sanidade do Congreso dos Deputados, na que, como todos os xoves, informa as medidas implementadas polo Goberno central para conter a transmisión do virus, así como dos datos actuais da evolución da enfermidade.

Neste sentido, Illa destacou a redución da mortalidade polo novo coronavirus e da incidencia do mesmo en España que se está observando nos últimos días e que, ao seu xuízo, confirman que hai unha tendencia "descendente e sostida" froito do "esforzo" que realizou toda a cidadanía española tras a aprobación do estado de alarma.

"Pasamos de ter máis de 900 falecidos ao día a menos de 100 nos últimos días. Cando falamos de falecidos non hai datos bos, pero estamos na dirección correcta", comentou o ministro de Sanidade, tras lembrar que xa se curaron máis do 60 por cento das persoas con Covid-19.

Neste sentido, Illa sinalou que xa pasaron case seis semanas desde que finalizase o permiso retribuído e recuperable e que, aínda así, se mantivo a tendencia "á baixa" da taxa de contaxios, o mesmo que se observou tras a aprobación das medidas de alivio da restrición da mobilidade e o paso á fase 1 dalgunhas comunidades.

"Imos polo bo camiño, pero hai que conservar a prudencia para seguir avanzando cara á nova normalidade. Aínda hai algúns aspectos do virus que descoñecemos, pero o que si sabemos é que a súa transmisión está moi relacionada coa mobilidade das persoas, polo que hai que seguir limitando os movementos e iso só é posible baixo o estado de alarma", salientou.

E é que, tal e como explicou o ministro de Sanidade, os resultados preliminares do estudo de seroprevalencia puxeron de manifesto que só o cinco por cento da poboación estivo en contacto co virus. "Imaxinemos que ocorrese sen as restricións na mobilidade. A tensión engadida ao sistema sanitario sería inadmisible e o custo de vida aínda maior", asegurou na Cámara Baixa, para informar de que o pasado luns comezou a segunda onda do estudo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

O razonamento é contundente (non sabemos como se comporta o virus) pero a saída á rúa dos nenos ou o permiso de paseos e deporte ao aire libre, non tiveron un impacto negativo! Ergo, levamos 69 días facendo o indio !