Un estudo confirma que a moda de facer montículos de pedra pon en serio risco o patrimonio e ecosistemas

Unha investigación na que participaron varias universidades e institutos europeos confirma que poden desaparecer especies en risco pola modificación severa dos seus hábitats.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 23/05/2020 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Os montes de pedra que apareceron en determinados espazos naturais e patrimoniais de Galicia, como a praia do Castro de Baroña, poden poñer en serio risco o ecosistema e o patrimonio cultural e natural tal e como acaba de confirmar un recente estudo realizado por algúns investigadores do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC).

Milladoiro de coídos no Castro de Baroña
Milladoiro de coídos no Castro de Baroña

Así, estes milladoiros que se fan por mera diversión para sacar fotos coas que presumir en redes sociais modifican o hábitat das especies que usan estas rochas como refuxio ou dependen do microclima. En Galicia puxéronse de moda na contorna co Castro de Baroña, pero tamén se puideron ver en zonas das Rías Baixas e da Costa da Morte e en lugares tan emblemáticos como o Parque Nacional do Teide, nas Illas Canarias, ou o Parque Nacional de Cabrera, nas Illas Baleares.

Baixo o título de “Stone-Stacking as a Looming Threat to Rock-Dwelling Biodiversity” este estudo foi realizado por 14 investigadores das universidades de Porto, Lisboa, Helsinki, IPB, Tasmania, Madeira e do Parque Nacional do Teide, do Instituto das Florestas e Conservação da Natureza, da Direção Regional do Ordenamento do Território e Ambiente de Portugal e do Instituto Mediterraneo de Estudos Avanzados.  Nel se apunta que as consecuencias de amontoar rochas son unha das principais ameazas para moitas especies de fauna e flora que se atopan en perigo de extinción.

ESPECIES EN PERIGO DE EXTINCIÓN

Así, moitas especies, tanto vexetais como animais, utilizan as pedras como refuxio. Outras moitas dependen do microclima que estas rochass producen, é dicir, as condicións de temperatura e humidade que se xeran nas fendas ou baixo as rocas. Este microclima é clave para especies de insectos, musgos e arañas. Ademais o estudo destaca que a disposición das rochas inflúe na dinámica entre depredadores e presas ou entre competidores.

Entre as especies ameazadas está a Riccia atlantica. Esta especie de musgo está “en perigo crítico” debido a unha alteración do seu hábitat (a illa de Madeira, en Portugal) asociada á construción destas estruturas, segundo a Unión Internacional para a Conservación da Natureza (UICN). Especies de lagartos endémicos da illa de Madeira (Teira dugesi) ou das Baleares (Podarcis lilfordi e Podarcis pytiusensis), dependen destas rocas para refuxiarse. O mesmo ocorre con especies de invertebrados tamén endémicos.

Os investigadores solicitan que se tomen medidas para desmantelar estas estruturas, para así evitar fomentar a construción doutras. Tamén esixen restrinxir esta actividade.  Anna Traveset, investigadora do CSIC que traballa no Instituto Mediterráneo de Estudos Avanzados denuncia que “esta moda banal e importada doutras culturas constitúe un grave atentado ao medio ambiente e á paisaxe das áreas naturais”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta