O Concello da Coruña habilitará un carril específico para corredores

A alcaldesa apela á "responsabilidade individual" da cidadanía para cumprir as medidas de seguridade.

Por E.P. | A CORUÑA | 22/05/2020 | Actualizada ás 15:02

Comparte esta noticia

O Concello da Coruña habilitará nos próximos días un carril específico para corredoras e corredores desde a fonte dos Surfeiros ata As Escravas, segundo informa.

A nova senda instalarase sobre as vías do tranvía, á beira do xardín, "cun asfalto resistente á erosión do mar e específico para correr".

A alcaldesa, Inés Rey, situou esta medida "no cambio de modelo de mobilidade" na cidade, lembrando, ademais, a declaración de 'Cidade 30', que se asinou esta semana, así como outras medidas no ámbito da mobilidade peonil.

A próxima semana, a área de Infraestruturas comezará a instalar esta nova senda, unha acción que se enmarca dentro do plan de renovación do paseo marítimo. A creación deste carril non implicará a eliminación da infraestrutura do tranvía, senón que esta taparase para que este espazo poida ser aproveitado pola veciñanza e para evitar problemas de seguridade.

"RESPONSABILIDADE INDIVIDUAL"

Para cumprir as directrices fixadas a este respecto, a alcaldesa, nunha comparecencia ante os medios de comunicación para presentar a oferta de prazas nos campamentos de verán, apelou á "responsabilidade individual" dos cidadáns.

Ao fío diso, reiterou que ata o 25 de maio non é posible o uso dos areais coruñeses para o sol e baño e lembrou que a partir dese día estableceranse medidas para o seu uso, á espera, no entanto, das directrices que se fixen desde o Goberno.

Todas estas medidas, como limitar o aforamento e habilitar zonas de entrada e saída, buscarán que se cumpran as medidas dispostas ata o momento para cumprir criterios de seguridade, como a distancia de dous metros, e as hixiénicas.

A Coruña disporá dun carril específico para corredores. CONCELLO DA CORUÑA
A Coruña disporá dun carril específico para corredores. CONCELLO DA CORUÑA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta