Desestimada a demanda da CIG para obrigar a Ambulancias do Carme a realizar test ao persoal

O xuíz destaca que eses test de dobre banda, a día de hoxe, xa foron realizados, polo que asegura que o proceso "quedou sen obxecto".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/05/2020 | Actualizada ás 16:29

Comparte esta noticia

O Xulgado do Social número 4 de Ourense desestimou a demanda presentada pola Confederación Intersindical Galega (CIG) contra a empresa Ambulancias do Carme para que realizase a todos os seus traballadores de forma urxente o test de detección de anticorpos para a COVID-19 que se fai ao persoal sanitario do Sergas.

O xuíz destaca que eses test de dobre banda, a día de hoxe, xa foron realizados, polo que asegura que o proceso "quedou sen obxecto", segundo o auto trasladado por fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que matiza que, por tanto, a demanda foi desestimada por falta de interese xurídico tutelable.

O sindicato, que consideraba que a súa non realización vulneraba o Dereito Fundamental á Vida, a Saúde e a Integridade Física, non esixe na súa demanda que se practiquen "cada día ou en lapsos temporais determinados". Na sentenza o xuíz indica que, tal e como alegaba a empresa e a Fiscalía, ao haberse xa realizado as probas, "existe unha perda sobrevinda do obxecto do proceso".

Na sentenza, o titular do Xulgado do Social número 4 de Ourense sinala que a realización das probas "non se configura como un elemento de prevención" fronte á COVID-19, senón que esa protección obtense "a través dun protocolo e uso estrito de equipos de protección individual" que a empresa cumpre, pois, ademais de non ser cuestionado por parte da CIG, ningún dos traballadores resultou contaxiado.

CRITERIOS

Por outra banda, o xuíz subliña que a medida que a demanda propón é unha obrigación que a empresa non pode asumir porque o impide a norma que limita a realización das probas diagnósticas a aqueles casos nos que exista unha prescrición dun facultativo e se axusten a criterios establecidos pola autoridade sanitaria competente.

O xuíz, por tanto, sinala que a empresa por si mesma carece da posibilidade de realizar o test, cuxa obtención tamén é monopolizada polo Ministerio de Sanidade.

"Deste xeito, tampouco podería a empresa dispor dos test para practicalos, nin por si mesma nin encargándoos a outra empresa, pois están subtraídos á actividade privada ou, cando menos, limitados polo control e a autorización pública", indica o titular do Xulgado do Social 4 no fallo, no que destaca que foi a Administración quen proveu a realización dos test aos traballadores de Ambulancias do Carme.

Mostra para facer un test de coronavirus
Mostra para facer un test de coronavirus | Fonte: © Miguel Núñez.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta