Feijóo desenténdese do voto da emigración: “iso non é unha competencia da Xunta”

Sobre os problemas sanitarios noutros países e a imposibilidade de poder votar en condicións di que "é un risco que non se pode evitar".

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 22/05/2020 | Actualizada ás 21:25

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, volveu botar balóns fóra ante a posibilidade de que milleiros de galegos non poidan exercer o dereito ao voto este 12 de xullo debido ao impacto que a COVID-19 está tendo en numerosos países, principalmente, en iberoamérica.

papeleta, votación urna, eleccións, Xerais, municipais
papeleta, votación urna, eleccións, Xerais, municipais | Fonte: EP

“Sen dúbida iso non é unha competencia autonómica e non nos corresponde a nós facilitar o voto por correo, senón que lle corresponde a Correos”. Foi a resposta que lle deu o líder do PPdeG ao Galicia Confidencial tras preguntarlle polas críticas dalgúns emigrantes que denuncian que non se tivo en conta a situación de determinados países con forte presenza galega na convocatoria electoral.

Felipe Pousada Prado, Presidente del Fórum Empresarial Hispano-Brasileño do Estado de São Paulo (FEHB-SP) e administrador provisional da Asociación de Empresarios Galegos de São Paulo ( AEGASP) lembraba hai uns días que no Brasil, debido “á catástrofe da xestión de Bolsonaro” fronte ao virus, a situación “é case caótica”. E Brasil é o segundo país con máis galegos do mundo, segundo os datos do INE-Instituto Nacional de Estatística.

Por iso, Feijóo recoñeceu que, efectivamente, “nalgún país pode pasar ese problema de voto”, aínda que tamén lembrou que ese problema para votar tamén se pode rexistrar cando hai “problemas sanitarios ou climatolóxicos”. “É un risco que non se pode evitar”, concluíu.

Actualmente o Censo de Residentes Ausentes (CERA) de Galicia é do 15%, e a gran parte deses votantes están en América, onde hai importantes restricións pola actual situación da COVID-19. O gran electorado galego en América está en Cuba, México, Venezuela, Arxentina, Brasil e Uruguai, algúns deles moi golpeados pola pandemia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 galegoexiliado

Xa está ben do voto ausente, de xente nacida noutros paises que nin coñece Galiza, nin paga impostos na Galiza, nin ten que padecer as consecuencias do seu voto. Que cada ún vote donde reside e paga impostos, si ten dobre nacionalidade que vote so unha vez donde reside e paga impostos, e si todos somos iguais e cos mesmos dereitos que poida votar tamén o emigrante en Ponferrada ou en Madriz, que pagan impostos na Expaña e moitos tamén na Galiza por ter familia e propiedades na sua terra. Xa é hora de que os políticos se mollen e cambien as leis de voto, pois non é o mesmo un emigrante temporal que un nacido ou residente permanente fora da Galiza.