Está Feijóo xogando coa saúde do alumnado galego para gañar as eleccións de xullo?

Profesores, pais e nais de alumnos cuestionan as medidas da Xunta para a volta ás aulas dos alumnos de 2º de Bacharelato e últimos cursos de FP. O profesorado critica as medidas tomadas polo executivo galego de cara a voluntariedade asistencial dos e das estudantes mentres que é obrigatorio para profesores. Está garantida a hixiene dos centros e a seguridade sanitaria dos e das alumnas?

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 24/05/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A última mesa sectorial de educación “celebrouse porque os sindicatos presionaron” e aínda así, a Xunta tomou a decisión unilateral de reanudar as aulas de maneira voluntaria para os alumnos, obrigatoria para os profesores (agás que teñan menores de 13 anos ou persoas dependentes ao seu cargo). Os colectivos docentes e de familiares non están certos de que os centros educativos reúnan todas as garantías hixiénico-sanitarias. Aínda máis, temen que poda haber algún rebrote que “se ocorre denunciaremos directamente á conselleira de Educación e ao presidente da Xunta cos seus nomes e apelidos”, din fontes sindicais.

Alumnos Practicando Un Exámen De Selectividade. EUROPA PRESS - Arquivo
Alumnos Practicando Un Exámen De Selectividade. EUROPA PRESS - Arquivo

O RISCO DE CONTAXIO

A ANPE (Confederación de Anpas Galegas) sinalaba nun comunicado que a Consellería de Educación permanece á espera de que “alguén asuma as responsabilidades que ela mesma ten”, ante a  situación sociosanitaria actual.  Aínda que apoiaron a decisión de que os alumnos que vaian presentarse ás ABAU “retomen as clases presenciais para a súa preparación, sempre foi co compromiso das máximas garantías de seguridade”.

As garantías de seguridade estarían en que o alumnado non estea exposto a posibles contaxios. Mais  “é unha irresponsabilidade pretender deixar esta labor nas mans do alumnado nunha situación tan grave coma esta”. Luz López, de CCOO, apunta á falta de avaliación de riscos e por tanto “non se dan garantías sanitarias” para alumnos e profesores.

O alumnado que asista ás aulas deberá facelo coa súa máscara. “E que fago se un alumno se me presenta sen máscara?, déixolle pasar ou non?” di Paula Carreiro de UGT. A pregunta foille formulada á conselleira Carmen Pomar quen respostou: “o profesorado sabe xestionar esas cousas”. Carreiro matiza que “o profesorado non está todo o día lendo os documentos oficiais para saber como actuar, é imposible”.

Carmen Pomar comparece na Deputación Permanente da Cámara galega. XUNTA
Carmen Pomar comparece na Deputación Permanente da Cámara galega. XUNTA

“Non podes deixar un centro cun só paquete de vinte máscaras” di Lois Pérez de STEG. A falta de material nalgúns casos foi suplida cos orzamentos que tiñan cada un dos centros. “Tampouco todos os centros teñen o persoal de limpeza necesario, profesionais que garantan a hixiene necesaria” debido ás baixas ou ás exencións.

A CIG pola súa banda, nun comunicado emitido o pasado xoves 21 de maio, acusaba de temeraria a actuación da Xunta. “A reincorporación de forma xeral  para os cursos afectados e non excepcional pode poñer en risco a saúde de familias completas”. Xunto a isto, apuntan unha falta de concreción no protocolo de medidas sanitarias para o pofesorado como por exemplo “cando nun apartado se exclúe a mulleres embarazadas e persoal maior de 60 da relación de grupos vulnerábeis e noutro apartado si aparecen”.

Ademais do dito, desde UGT cren que as achegas de material, ademais de insuficientes, chegan tarde. En principio espérase a chegada de equipos de hixiene para este venres 22 de maio. Este material chega só dous días antes da reincorporación ás aulas. Ata o de agora, eran os directores os que poñían ese material.

CAMPAÑA ELECTORAL

Todas as forzas sindicais coinciden, o clima preelectoral está condicionando as respostas do goberno Feijóo en todos os ámbitos incluído o educativo. Entre outras mostras está a actitude de botar toda a culpa ao Goberno central pola falta de medidas específicas para a seguridade sanitaria de institutos e colexios. “Todas as competencias de educación están en mans da Xunta de Galicia” di Paula Carreiro, que explica os ataques do goberno Feijóo contra o executivo central “polo clima preelectoral e porque o Goberno central está do outro lado”.

“É como se o o presidente da Xunta pedise que lle fagan caso” di Luz López. A representante de CCOO teme que agora as cousas toman unha cor, mais logo de setembro, “despois das eleccións, cando os políticos marchen de vacacións”, o curso escolar comece “con todo o traballo sen facer, todo por unha postura electoralista”.

STEG, por boca de Lois Pérez, vai máis alá apuntando que a volta precipitada ás aulas “obedece á intencionalidade política en vez da seguridade laboral e da saúde da comunidade educativa”. Non obstante, Pérez analiza un pouco máis e ve tamén unha “filosofía” detrás das posturas de Feijóo que obedece a unha acción de propaganda sobre a eficacia do seu goberno “cando leva dez anos de recortes no ensino público e renovando concertos educativos”.

No seu comunicado, a CIG destaca que diante do “despropósito da Consellaría e o caos que vai ocasionar no alumnado e profesorado” a reincoporación ás aulas, preguntan pola présa de dita reincorporación, remarcan a ausencia de vantaxes ou melloras visibles ou que “estamos só ante a apariencia dunha falsa normalidade”. Diante disto, conclúen que “con certeza e por desgraza, todas as respostas pasan polo interese do actual presidente da Xunta nunha data, o 12 de xullo”.

Se as actuais circunstancias supoñen un agravamento das condicións laborais do profesorado, que agora terá traballo dobre con teleformación e ensino presencial, ademais dun posible rebrote da COVID-19 por culpa da asistencia ás aulas, Paula Carreiro non descarta que se presente “un outono quente”.

O líder do PP, Pablo Casado, nun acto electoral co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. Foto de arquivo.. DAVID MUDARRA (PP)
O líder do PP, Pablo Casado, nun acto electoral co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. Foto de arquivo.. DAVID MUDARRA (PP)
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Docente

Por que non fan como en Euskadi e fan os exames de recuperación nos centros para 2° de Bacharelato se xa poden ir ás aulas? Aqui a Conselleria non pensa na inxustiza que crea que uns fagan o exame por outros por que terian que traballar. E só na Xunta o de traballar non está ben visto.