Aumentan a 61 os usuarios de residencias de maiores infectados

O total de empregados afectados diminuíu e agora atópase en 55.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 24/05/2020 | Actualizada ás 12:59

Comparte esta noticia

As residencias de maiores de Galicia seguen rexistrando altas, un total de 11 entre os usuarios e 12 entre os traballadores destas instalacións, pero os residentes afectados aumentaron ata 61 nas últimas horas, dúas máis que o sábado.

Un operario con traxe de desinfeccion na residencia de anciáns San Carlos de Celanova
Un operario con traxe de desinfeccion na residencia de anciáns San Carlos de Celanova | Fonte: Europa Press.

Os casos detectados apareceron na residencia Santa Teresa de Jornet, na Coruña, que mentres as cifras de onte mostraban un total de 11 casos, as deste domingo ascenderon ata os 24 positivos. Desta maneira, Santa Teresa de Jornet con 24 casos positivos é a que concentra o 39,34% dos diagnósticos activos de COVID-19, xa que en ningunha das outras instalacións de Galicia afectadas hai máis de catro casos.

Por outra banda, recuperáronse catro persoas que viven en Caser Zapateira (A Coruña), outras catro de Divino Mestre (Ourense), dous de San José Hermanitas (Ourense) e unha da nosa Señora da Esperanza (Ourense).

En canto aos traballadores deste tipo de instalacións, no boletín ofrecido pola Consellería de  Sanidade reflíctese a recuperación de 12 persoas.

Así, o total de empregados afectados diminuíu e agora atópase en 55, sendo Nosa Señora da Esperanza e Divino Mestre as instalacións que concentran o maior número de casos, 12 e 7 respectivamente.

ATENCIÓN Á DISCAPACIDADE

A realidade dos Centros de Atención para Persoas con Discapacidade mellorou, segundo os datos deste domingo. Recuperáronse catro usuarios do CAPD da Coruña, o que deixa os casos activos en 13.

Por outra banda, tamén se curaron seis traballadores deste tipo de instalacións. Tres deles do  CAPD de Coruña, dous da DomusVi Bóveda e un da residencia de Monterrei. En total hai nove empregados infectados.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta