Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 24/05/2020 | Actualizada ás 19:02
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, tachou de "gravísimo erro" a decisión do Concello de Cedeira de retirar o nome dunha rúa dedicada a Manuel Fraga para dar así "cumprimento coa Lei de Memoria Histórica e de respecto ás vítimas do Franquismo".
Nun pleno extraordinario do goberno local celebrado o pasado 9 de marzo, o concello aprobou tomar esta decisión argumentando o cumprimento coa lei, polo que retirou o nome 'Fraga Iribarne' a unha rúa que pasou a chamarse 'A Fraternidade'.
Feijóo apuntou que "nun momento de pandemia onde todos estamos chamados á unidade, con independencia das discrepancias", o feito de que un Concello faga iso "acredita que hai políticos determinados que non están á altura da situación política e sanitaria do momento".
"RESPECTO ÁS VÍTIMAS DO FRANQUISMO"
Por outra banda, o presidente galego destacou que o nome da rúa estaba dedicado a un "presidente democrático en Galicia durante 16 anos continuados" que foi "un dos pais da Constitución española, que ten rúas en cidades que goberna o Partido Socialista e a ningún alcalde do PSOE se lle ocorreu" tomar unha decisión como esa.
Con todo, no seu día, o goberno local de Cedeira xustificou esta decisión argumentando que a rúa recibira este nome "na época na que" Fraga "desempeñaba un cargo no franquismo".
Neste sentido, o alcalde socialista da vila mariñeira insistiu na decisión e na importancia de cumprir coa Lei de Memoria Histórica, por respecto ás vítimas do franquismo. "Recibimos tres avisos desde o Senado de que tiñamos que cambiar o nome da rúa", reiterou.
En todo caso, a Núñez Feijóo parécelle unha "equivocación".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.