As Residencias de Maiores e o coronavirus en Galicia

Galicia é un territorio periférico (o Finis Terrae) e a súa poboación vive dispersa en aldeas, vilas e cidades pequenas. A chegada de persoas de fóra é escasa (se pechamos o Camiño de Santiago) e non temos un aeroporto internacional con excesivo tránsito de estranxeiros. Esta situación tivo, nesta epidemia do coronavirus, un efecto protector. Neste caso foron as condicións propias da nosa xeografía as que nos protexeron.

Por Pablo Vaamonde | A Coruña | 25/05/2020

Comparte esta noticia

A pandemia tivo en Galicia unha repercusión menor que noutras CCAA. Os estudos realizados indican que arredor do un por cento da poboación tivo contacto co virus. O confinamento foi eficaz e permitiu diminuir o número de contaxios. Ata o día de hoxe morreron por esta causa 612 persoas. É un drama, pero o impacto non foi tan severo como noutras partes do Estado. Ainda podería ser menos se non se deran condicións previas que facilitaron a penetración explosiva do coronavirus en dous espazos moi determinados: nos Servizos Sanitarios e nas Residencias de Maiores. A sanidade pública galega foi desmantelada desde a chegada ao poder de Núñez Feijóo en 2009. Os recortes aplicados e as privatizacións deixaron o servizo público moi debilitado e con escasa capacidade de resposta ante a pandemia. Moitos profesionais foron afectados por carecer da necesaria protección. A falta de medios provocou un risco real de colapso do sistema.

Muller anciá nunha residencia de maiores. XUNTA DE ANDALUCÍA
Muller anciá nunha residencia de maiores. XUNTA DE ANDALUCÍA

Todas as mortes producen dor, pero nesta pandemia produciuse unha altísima mortandade nas Residencia de Maiores, en situacións de soedade e abandono, que as fai especialmente dolorosas. Ata o día de hoxe houbo en España 18.600 mortos en centros xeriátricos por causa do Covid-19, a maioría en Madrid, Catalunya e nas dúas Castelas. É un auténtico drama, irreparable, que ten moito que ver coas privatizacións realizadas nos últimos anos, que converteron estas institucións en negocios que cotizan en bolsa (en mans de fondos voitre e de Florentino Pérez). A prestación do servizo estaba baseada en conseguir o máximo beneficio mediante o recorte de medios, de persoal e a precarización da atención. Neste momento non puideron frear a traxedia. E houbo hospitais que deron orden1 para non ingresar pacientes dos xeriátricos afectados polo Covid.

En Galicia faleceron nas residencias 271 persoas e houbo tamén coidadores afectados. Eso significa o 45% do total de mortos en Galicia. De non ser por esta altísima afectación das institucións xeriátricas o número de defuncións polo coronavirus sería pouco máis de trescentos, o que significaría un impacto moito menor do Covid-19 na nosa Comunidade. As políticas aplicadas nos anos anteriores teñen moito que ver coa precariedade actual das residencias.
Núñez Feijóo favoreceu a privatización das residencias e a Xunta fixo unha total deixación de funcións no control da calidade da atención prestada (Consello de Contas de Galicia2). A maioría dos falecidos estaban en residencias privadas, sobre todo nas xestionadas por DomusVi e pola Fundación San Rosendo. DomusVi3 é a maior rede privada de residencias de maiores de España; a súa xerenta é Josefina Fernández4, persoa próxima ao PP5 que a finais de 2019 recibiu o premio Galicia Global de mans do conselleiro de Economía. A Fundación San Rosendo está presidida por Benigno Moure6, un cura –amigo de Fraga, distinguido cunha medalla Castelao- que foi condenado en 2008 a cinco anos de cárcere por roubar 600 mil euros a unha muller demenciada; a pesares da sentencia xudicial firme o PP presionou para que Moure non ingresara en prisión, e chegaron a convocar unha manifestación en 2011. Nesas mans está a atención dos nosos maiores.

Así pois, os recortes e privatizacións realizados na última década en sanidade, e a entrega das Residencias de Maiores a mans privadas e amigas, son os antecedentes necesarios para que esta epidemia provocase unha mortalidade tan elevada neses entornos. As políticas de recortes e "austeridade" foron impostas polo PP desde o goberno central, e aplicadas aquí por Núñez Feijóo de maneira implacable. Agora quere aparecer, neste momento preelectoral, como o heroe que freou a pandemia. Pero as súas actuacións previas contribuiron máis ben ao contrario. As familias7 afectadas xa acudiron ao xuzgado8. A ver se a xustiza non tarda en actuar.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Pablo Vaamonde Nado na Baña en 1956. É médico de familia no Centro de Saúde de Labañou (A Coruña). Foi fundador e director da revista médica Cadernos de Atención Primaria (1994-2005), presidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC) de 1996 a 2005 e vicepresidente do Colexio Oficial de Médicos de A Coruña e responsable do Programa de Formación Continuada de 1998 a 2005. Foi director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas entre 2005 e 2006. Tamén foi membro da Comisión Sectorial de Sanidade que elaborou o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, colaborador habitual dos medios e autor de tres libros de narrativa: O fillo do emigrante (2002), O mes de abril (2004), Luz Divina e outros retratos (2006). Recibiu o Premio Lois Peña Novo en 2005, polo seu compromiso na promoción e defensa da língua de Galicia e é colexiado de Honra con Emblema de Prata (2007) do Colexio Oficial de Médicos da provincia de A Coruña.