Feijóo erixe os emprendedores en "elemento clave" para a reactivación, igual que "na crise de 2008"

Insiste en que as administracións deben acordar cos axentes socioeconómicos medidas para inxectar liquidez a pemes e autónomos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/05/2020 | Actualizada ás 14:43

Comparte esta noticia

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, erixiu este luns os emprendedores en "elemento clave" para a reactivación económica e social tras a pandemia do coronavirus, "como o foron para saír da crise de 2008".

Durante a súa participación, xunto ao conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, nun 'webinario' sobre dixitalización de pemes e comercio en liña, organizado por AJE Galicia, Feijóo incidiu na necesidade de traballar "de xeito conxunto" cos novos emprendedores, fundamentais para dinamizar de novo a economía e para garantir o emprego.

Nesta liña, destacou a necesidade de seguir apostando pola dixitalización das pemes do comercio e dos autónomos, polas solucións tecnolóxicas que faciliten o teletraballo e pola transformación dixital dos proxectos empresariais no rural; ademais de fomentar a internacionalización dos produtos e o comercio de proximidade. Todos eles, incide a Xunta nun comunicado, "obxectivos impulsados" no Plan de dixitalización que mobilizarán 40 millóns de euros.

Ao longo da súa intervención, o titular da Xunta subliñou tamén a capacidade do sistema de innovación galego para impulsar proxectos innovadores ante a COVID-19, transferibles ao sector da saúde, da industria e do comercio.

AFRONTAR A RECUPERACIÓN

Feijóo fixo fincapé en que unha situación extraordinaria esixe "de medidas extraordinarias" e insistiu na importancia de que as administracións consensúen cos axentes socioeconómicos medidas para inxectar liquidez inmediata a pemes e autónomos, que están a sufrir os efectos do estado de alarma.

A modo de exemplo, aludiu á liña de financiamento a través de préstamos que permitirá mobilizar no tecido empresarial galego 250 millóns de euros; ao adiamento das cotas de amortización e intereses dos préstamos formalizados coa Comunidade, de forma que as cantidades se poidan devolver ao vencemento final actual dos préstamos --uns préstamos que, no seu conxunto, suman 265 millóns de euros--; ou á suspensión de prazos para a presentación dos impostos de transmisións patrimoniais, sucesións e tributos do xogo --ata o 30 de xuño, prorrogable--.

En definitiva, apelou a "acompañar máis que nunca" o tecido empresarial neste novo contexto económico garantindo liquidez e pondo en marcha medidas a favor dos emprendedores.

COMITÉ DE EXPERTOS ECONÓMICOS

Nesta conxuntura, o mandatario autonómico destacou e agradeceu o labor do comité de expertos económicos para deseñar a Galicia do futuro e afrontar a recuperación da COVID-19 "coas máximas garantías".

Un comité --recalcou-- que achegou iniciativas no ámbito laboral, como a flexibilización de xornada, bonificacións nas cotas ou protocolos de volta á actividade; e no ámbito financeiro, como o apoio á adaptación do tecido empresarial ou a posta en marcha dun fondo para investir en empresas afectadas.

Feijóo e Conde participan nun webinario sobre dixitalización de pemes e comercio en liña. Xunta de Galicia
Feijóo e Conde participan nun webinario sobre dixitalización de pemes e comercio en liña. Xunta de Galicia | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta