Sindicatos e investigadores da Universidade de Santiago rexeitan o plan da Xunta para a docencia presencial-en liña

A proposta levantou a polémica entre a comunidade académica.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 25/05/2020 | Actualizada ás 20:23

Comparte esta noticia

O borrador elaborado pola Xunta para o seu plan de 'docencia innovadora', co que busca implantar o ensino mixto presencial-en liña para o curso 2021-2022 en todo o sistema universitario, levantou a polémica entre a comunidade académica, polo menos no caso da de Santiago de Compostela.

Universidade de Santiago de Compostela
Universidade de Santiago de Compostela | Fonte: USC.

Tanto sindicatos como outras organizacións, como a Asemblea de Investigadoras de Compostela, manifestaron a súa oposición ao plan presentado pola Consellería de Educación e mesmo advirten de que se trata dun ataque sen precedentes ao sistema público universitario de Galicia.

Os representantes sindicais de CSIF, como CC.OO ou CIG trasladaron na Mesa Xeral de Negociación da USC, a pasada semana, as súas criticas ao texto da Xunta.

A CIG censurou a "présa inusitada" da Xunta en sacar este borrador, e advertiu de que o plan supón "un proceso masivo de liquidación dos títulos presenciais".

O sindicato criticou especialmente que se encargue a supervisión deste proceso á Fundación Empresa Universidade (FEUGA) e a unha consultora externa, mentres Abanca tenta implantar a súa propia institución académica privada en Galicia, á vez que se "desvirtúa" o carácter presencial do sistema público

"É un cúmulo de despropósitos, disfrazando de pseudo-innovador o que en realidade é un auténtico plan de desmantelamento do sistema universitario público", insistiu, reprochando que se aproveite "a situación de tensión e de anestesia social" derivada do estado de alarma

Por iso, a CIG pide ás tres universidades galegas que empecen a traballar para paralizar "este disparate".

REFORMA "IRREFLEXIVA"

A Asemblea de Investigadoras de Compostela tamén trasladou a súa oposición ao texto, que expón "unha reforma abusiva e irreflexiva", e advertiu que as pautas que se teñan que aplicar neste ámbito deben partir das universidades.

En todo caso, advirten de que unha transformación dese calado "sería imposible cos tempos marcados", e advirten do "agravio" que suporía para a docencia presencial e os principios da propia universidade como transmisora de coñecemento, ademais de chamar á sociedade a actuar para frear o plan.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta