Os pensionistas galegos cobran 184 euros mensuais menos que a media do conxunto dos españois

Crece a pensión media en Galicia a pesar do coronavirus, pero segue sendo das máis baixas do Estado.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/05/2020 | Actualizada ás 11:45

Comparte esta noticia

A pensión media en Galicia incrementouse un 2,29% en maio, en plena crise do coronavirus, respecto dese mes do ano anterior, ata alcanzar os 858,62 euros, aínda que se mantén como a segunda máis baixa de España, só superada por Estremadura.

Segundo datos difundidos este martes polo Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, o número de pensionistas non sufriu variacións respecto de maio de 2019 e o día 1 deste mes de 2020 situábase en 763.470 persoas.

Deste xeito, os pensionistas galegos representan o 7,83% dos do conxunto do Estado, que ascenden a 9.754.137, o que supón un aumento do 0,48% respecto de maio de 2019. Ademais, a pensión media en España situouse en 1.010,11 euros, o que supón un incremento do 2,03% respecto ao ano anterior.

En concreto, 69.532 galegos percibiron unha pensión por incapacidade permanente, que, de media, ascendeu a 890,96 euros, e 478.389 xubilados recibiron unha prestación que se situou en 976,53 euros.

Tamén 185.418 persoas percibiron unha pensión por viuvez, que, de media elevouse a 611,79 euros, e 23.526, por orfandade, que se situou en 404,5 euros de media. Así mesmo, contabilizáronse 6.605 persoas que percibiron unha prestación en favor de familiares que ascendeu a 525,23 euros.

Así, Galicia é a segunda comunidade con prestacións en favor de familiares e xubilación máis baixas (só superada por Estremadura) e a terceira no apartado de pensións por incapacidade (despois de Estremadura e Murcia). Tamén é a rexión na que se contabilizan as pensións por viuvez máis baixas do Estado.

Deste xeito, as pensións de incapacidade a nivel autonómico son 94,65 inferiores á media estatal. Ademais, os xubilados galegos perciben 184,16 euros menos que a media de España e as prestacións por viuvez na comunidade son 112,9 euros menores que as do conxunto estatal. No caso das pensións en favor de familiares, a diferenza sitúase en 64,18 euros, mentres que as prestacións por orfandade foron similares ás do conxunto nacional. Adicionalmente, un 29,8% das pensións da comunidade (227.877) incluíron un complemento a mínimos.

PENSIÓN MEDIA POR PROVINCIAS

Respecto da media nacional, Ourense e Lugo representan as provincias nas que as pensións son máis baixas, con 742,92 e 765,02 euros, respectivamente. Mentres, as prestacións son significativamente máis elevadas en Pontevedra (899,35 euros) e A Coruña (903,24 euros), aínda que tamén se sitúan por baixo da media estatal.

A nivel autonómico, as maiores diferenzas entre provincias rexístranse nas pensións por xubilación. Así, mentres en Lugo e Ourense sitúanse en 861,7 e 812,53 euros, respectivamente, estas prestacións ascenden a 1033,31 euros na Coruña e a 1.034,21 euros en Pontevedra.

Tamén se presentan variacións entre as provincias interiores e as atlánticas en relación ás prestacións por viuvez. Así, as máis baixas percíbense en Lugo (525,32 euros) e Ourense (534,9 euros) e, as máis elevadas, na Coruña (651,16 euros) e Pontevedra (636,19 euros). A contía das pensións de orfandade na Coruña (416,77 euros) supera a media nacional (409,62 euros), por baixo da que se sitúan Ourense (400,09 euros), Lugo (397,19 euros) e Pontevedra (394,56 euros).

En relación ás pensións percibidas por incapacidade permanente, a maior diferenza rexístrase entre Ourense (905,16 euros) e Lugo (872,48 euros), aínda que A Coruña (896,77 euros) e Pontevedra (886,20 euros) presentan cifras similares.

Lugo e Ourense tamén marcan mínimos a nivel nacional en relación á contía das prestacións en favor de familiares, que se sitúan en 489,57 euros e 494,70 euros nestas provincias, respectivamente. Mentres, estas prestacións son máis elevadas na Coruña (538,42 euros) e Pontevedra (544,36 euros), aínda que tamén se sitúan por baixo da media estatal.

Evolución da pensión media en Galicia. EPDATA
Evolución da pensión media en Galicia. EPDATA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta