Por E.P. | Santiago de Compostela | 26/05/2020 | Actualizada ás 18:02
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, celebrou a "marcha atrás" do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na "imposición" do plan de docencia mixta e asegurou que se trata dunha vitoria da universidade pública galega fronte á "falta de rumbo" do Goberno do PP.
Así se manifestou tras participar nunha reunión coa comisión sectorial parlamentaria de Educación, na que avaliaron o Programa de Transformación á Docencia Innovadora no Sistema Universitario Galego (SUG) que, segundo indicou, a Xunta tentou "impor" e que foi rexeitamento por "centos e centos" de profesores universitarios.
"O enorme clamor nas universidades públicas foi capaz de gañar unha nova batalla a Feijóo en defensa dos servizos públicos", recalcou o tamén candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, quen destacou que o líder do PPdeG tivo que dar "marcha atrás" no seu intento de reformar a docencia universitaria de forma "exprés" e "sen consenso".
De feito, Gonzalo Caballero criticou que a Xunta tentase "impor" un plan "feito a correr" e que "foi elaborado por actores privados" sen ter en conta ás universidades públicas galegas, nun ataque á súa autonomía. "O obxectivo do PP era pór en mans dunha fundación privada a coordinación do proceso de transformación das universidades públicas galegas", denuncia o PSdeG.
Para Gonzalo Caballero, o escrito asinado por varios centos de docentes esixindo a "retirada inmediata" dese plan, que constitúe "un novo exercicio de desprezo á comunidade universitaria galega" por parte do PP, motivou que tivesen que retirar o texto. "É unha vitoria da universidade pública galega fronte á falta de rumbo do goberno do PP", sinalou.
ESCRITO DAS UNIVERSIDADES
Gonzalo Caballero explicou que, nese escrito remitido xa á Xunta, os asinantes recriminan ao Goberno de Feijóo que "utilice como escusa a pandemia para cambiar de forma radical o sistema de organización presencial e de avaliación da docencia" e que o faga, ademais, cun mecanismo "exprés" no que non se escoitou aos centros.
Neste contexto, o socialista considerou que este feito evidencia que o Goberno de Feijóo "carece dunha política universitaria sólida e solvente" para as universidades públicas galegas e que, tras "abandonar" á educación pública durante 11 anos, "agora carece de folla de ruta para impulsar a universidade pública galega en tempos da COVID-19".
"É necesaria", engadiu o secretario xeral do PSdeG, "unha nova política universitaria en Galicia, que estea ao servizo do público e á beira da comunidade universitaria". Ademais, comprometeu "conexión" do Goberno galego coas tres universidades galegas para afrontar os retos que veñen por diante.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.