Persoal de Enfermaría denuncia irregularidades nos contratos do Sergas

O BNG pide "o fin da política laboral esclavista" no Sergas "e que non se pisen os dereitos do persoal aproveitando" a crise.

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 27/05/2020 | Actualizada ás 16:23

Comparte esta noticia

Un grupo de profesionais técnico auxiliares de Enfermaría que se atopan nas listas de contratación de eventuais do Servizo Galego de Saúde (Sergas) expresaron a súa desconformidade coa renovación dos contratos de acúmulos de tarefas no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP).

Foi nun encontro por videoconferencia coa cabeza de lista do BNG por esta provincia Luís Bará, e a portavoz nacionalista de Sanidade no Parlamento, Montse Prado.

Estas profesionais explicaron que en abril e maio se viron afectadas por estas prórrogas aos contratos realizados durante este período provocado polo coronavirus. Afirman que numeroso persoal eventual en peor posición, tanto na lista anterior como na nova actualización, accede aos contratos que se xestionan actualmente con prórrogas.

Este colectivo considera esta decisión "discriminatoria e inxusta". Desde hai semanas, apuntaron, a carga das plantas na área sanitaria foi diminuíndo e mentres que persoas que se atopaban en postos inferiores nas listas manteñen contratos con estas prórrogas, outros profesionais que se atopaban en postos superiores pasaron a situacións de desemprego nestes momentos.

Bará e Prado denunciaron que nestes momentos, ademais dos problemas de explotación reiterados e estruturais derivados das políticas de recortes e privatizacións da Xunta, estanse a pisar os dereitos do persoal aproveitando a crise da COVID-19, ao incumprir as listas de chamada e os pactos de contratación.

O grupo de afectados sinala que o persoal excedente, ao diminuír os casos de COVID-19, se recoloca noutras plantas, cubrindo prazas de baixa por incapacidade temporal, permisos e trasladándose entre o Hospital Montecelo e o Provincial. Denuncian que estes postos deberían cubrirse co persoal dispoñible de curta duración.

"POLÍTICA LABORAL ESCRAVISTA"

Bará e Prado coincidiron en sinalar que a Xunta está "a incumprir o pacto marco que dá preferencia ao persoal integrado nas listas" e pediu "o fin da política laboral escravista" no Sergas "e que non se pisen os dereitos do persoal aproveitando a crise da COVID-19".

O candidato nacionalista destacou que o Goberno que preside Alberto Núñez Feijóo, "por unha cuestión puramente propagandística", está a ampliar e prorrogando os contratos realizados pola COVID-19, autorizados e feitos cando non había persoal dispoñible, utilizando este persoal para traballos diversos que non son da súa especialidade e vulnerando a lista de chamada.

Concretamente os portavoces deste colectivo profesional aseguran que se vulnera o Pacto de Contratación e quéixanse do prexuízo económico e de puntuación para as listas de contratación. Ademais, lamentan esta decisión do Sergas porque lles crea incerteza e non saben que pasará este verán cos bloques de vacacións nin ao longo do outono se desde a administración se seguen renovando eses contratos por meses.

Nesta liña, explicaron que levan preto de dous meses sen actividade a pesar de que, atendendo ás listas e cumprindo o pacto, deberían traballar neste momento. Acóllense a que a Xerencia do complexo hospitalario de Pontevedra asinaba unha instrución en marzo na que anunciaba que con motivo do coronavirus SARS-CoV-2, con carácter extraordinario e transitorio, ante a indispoñibilidade de recursos humanos, se permitía prorrogar nomeamentos eventuais máis aló da duración prevista.

Por este motivo, solicitan que se respecte o Pacto de Selección do Persoal estatutario temporal do Sergas para a adxudicación e renovación dos contratos e que a xerencia non utilice instrucións emitidas para situacións excepcionais para outro tipo de circunstancias.

Sanitarios, médicos, enfermeiras e auxiliares están na primeira liña de loita contra o coronavirus Covid-19
Sanitarios, médicos, enfermeiras e auxiliares están na primeira liña de loita contra o coronavirus Covid-19 | Fonte: EFE

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta