Supervivencia ao cancro de pulmón en Galicia: maior entre os non fumadores e menor entre os expostos a radon

Un estudo realizado en sete hospitais galegos calcula que a mediana de supervivencia dos enfermos non fumadores é un ano e medio desde o diagnóstico da enfermidade. Os científicos atoparon unha mellor supervivencia en pacientes expostos a concentracións máis baixas de gas radon residencial.

Por Alberto Quian | Madrid | 30/05/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

“A mediana de supervivencia do cancro de pulmón nos pacientes que nunca fuman parece maior que a dos que nunca fumaron”. Así o conclúe un estudo multicéntrico realizado en sete hospitais de Galicia, no que tamén se atopou que “unha maior exposición ao radon en interiores ten un efecto negativo na supervivencia” destes enfermos.

Cancro de pulmón.
Cancro de pulmón.

Os investigadores analizaron os casos de 369 pacientes non fumadores, dos cales o 79% eran mulleres. Esta baixa presenza de homes no estudo ten unha explicación: “A maioría dos homes [pacientes de cancro de pulmón] fumara nalgún momento das súas vidas”, clarifican os autores.

No estudo atopouse que a mediana de supervivencia global dos pacientes foi de 18,3 meses, sen diferenzas estatisticamente significativas entre homes e mulleres (a mediana é o valor central dunha serie de datos ordenados).

A taxa de supervivencia a un, tres e cinco anos do diagnóstico foi do 61%, 32% e 22%, respectivamente.

“En comparación cos resultados informados anteriormente para os fumadores na literatura [científica], a mediana de supervivencia dos que nunca fumaron parece ser maior”, comparan os investigadores con outros estudos.

A taxa de supervivencia a un, tres e cinco anos do diagnóstico foi do 61%, 32% e 22%, respectivamente. É dicir, son poucos os pacientes que sobreviven aos cinco anos do diagnóstico; con todo, son máis que os fumadores que superan ese tempo.

A un ano do diagnóstico, a taxa é a mesma entre homes e mulleres, pero a medida que se prolonga a supervivencia, aparecen e agrándanse as diferenzas entre sexos: a tres anos do diagnóstico, a taxa de supervivencia é do 32% en mulleres e do 30% en homes, e a cinco anos, do 25% en mulleres e do 13% en homes.

“A supervivencia aos cinco anos de diagnóstico nos non fumadores observados no noso estudo parece ser maior” que noutras investigacións que analizaron os casos de fumadores, expoñen. Por exemplo, comparan os seus resultados cos datos do Programa de Vixilancia, Epidemioloxía e Resultados Finais (SEER) do Instituto Nacional do Cancro de Estados Unidos, onde a taxa de supervivencia dos fumadores aos cinco anos de diagnóstico é do 20%, sendo esta taxa máis baixa para os casos en etapas avanzadas (5,2%).

Os investigadores atoparon taxas de supervivencia máis altas nos non fumadores cando o diagnóstico do cancro foi máis precoz ao detectarse en estadios da enfermidade máis temperáns, en pacientes con idades máis novas, nos casos de adenocarcinoma (tipo de cancro que afecta os tecidos  glandulares) e cando se detectaron mutacións accionables (alteracións xenéticas que aínda que non se ten claro o seu valor prognóstico si que existe un fármaco en estudo contra elas, de forma que potencialmente terían unha terapia específica).

Os científicos subliñan o papel que xogan as mutacións na prolongación da vida dos enfermos: “Unha posible explicación para esta supervivencia máis prolongada entre os que nunca fuman é a alta taxa de mutacións en comparación coa observada para os que fumaron algunha vez (42% de mutacións nos que nunca fumaron na nosa mostra versus o 12% -15% reportado para os que fumaron)”, detallan.

RADON

Os autores atoparon tamén unha mellor supervivencia aos tres e cinco anos de seguimento nos pacientes que estiveron expostos a concentracións máis baixas de radon residencial, sendo este “o primeiro estudo en informar tal asociación”, destacan os seus autores.

"Este é o único estudo que avaliou o impacto do radon residencial na supervivencia do cancro de pulmón”

“En termos de tamaño da mostra, o noso é un dos estudos máis grandes sobre supervivencia de pacientes que nunca fumaron que se realiza en Europa, e é o único que avaliou o impacto do radon residencial na supervivencia do cancro de pulmón”, afirman os responsables da investigación.

Estudos previos indicaron un maior risco de padecer cancro de pulmón onde hai altas concentracións de radon residencial (por enriba de 200 Bq/m3). Pois ben, na investigación realizada nos hospitais galegos observouse unha peor supervivencia a tres e cinco anos en pacientes expostos a radon en interiores superiores a 300 Bq/m3.

“Os mecanismos específicos de desenvolvemento do cancro de pulmón debido á exposición residencial ao radon entre os que nunca fumaron aínda non se aclararon por completo, e non sabemos que podería influír nesta maior supervivencia entre aqueles que presentan concentracións máis baixas de radon”, recoñecen os investigadores.

O estudo, titulado ‘Lung cancer survival in never-smokers and exposure to residential radon: Results of the LCRINS study’, vén de ser publicado na revista científica internacional Cancer Letters, ás portas do Día Mundial Sen Tabaco (31 de maio), e está asinado por 16 investigadores adscritos ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), Universidade de Santiago de Compostela, Consorcio de Investigación Biomédica de Epidemiología y Salud Pública – CIBERESP (dependente do Instituto de Salud Carlos III de Madrid), Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI), Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), Hospital Universitario Puerta de Hierro (Madrid), Hospital Lucus  Augusti de Lugo, Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC), Centro Oncolóxico de Galicia, Laboratorio de Radioactividad Ambiental – LARUC da Universidad de Cantabria e Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta