Alu Ibérica di que "actuará legalmente" contra "presións" do comité de empresa

O comité pide ao Goberno que interveña a empresa e solicita que nomee un xestor para asegurar "a viabilidade" da planta. Os traballadores protagonizaron unha caravana de coches nunha protesta desde a fábrica ata o centro da Coruña.

Por Europa Press / Redacción | A Coruña | 28/05/2020 | Actualizada ás 14:55

Comparte esta noticia

A dirección de Alu Ibérica denunciou "falta de apoio" por parte do comité de empresa da planta coruñesa, á vez que advirte que "actuará con toda a súa batería legal fronte ás ameazas e presións recibidas por parte de dito comité", engade. Nun comunicado remitido desde o Grupo Riesgo, actual propietaria, a dirección mostra, en resposta ás concentracións e declaracións realizadas na xornada deste xoves, "a súa decepción ante as continuas accións en contra do proxecto de futuro levadas a cabo polo comité de empresa de Alu Ibérica A Coruña".

"Xeran confusión entre o resto dos traballadores e cuxo único fin é a desestabilización do plan que a compañía quere levar a cabo sen ter unha alternativa real a cambio", engade.

Por outra banda, afirma que a dirección "actuará con toda a súa batería legal fronte ás ameazas e presións recibidas por parte de dito comité de empresa". Ademais, avanza que estudará se a mobilización deste xoves "contraveñen as normas de seguridade e hixiene ditadas no estado de alarma".

Os xestores animan ao comité de empresa da Coruña "a seguir os pasos do de Avilés, que actualmente están a axudar e traballando na implementación do proxecto co obxectivo de garantir o futuro das plantas e do emprego".

A compañía lamenta que o comité da Coruña "non recoñeza o esforzo e o investimento realizado desde a súa entrada hai mes e medio, coas numerosas medidas adoptadas e investimentos ata a data, tal e como se explicou nas sucesivas reunións presenciais mantidas".

A dirección insiste "en que a viabilidade da compañía, a actividade e os empregos pasa por traballar de forma conxunta no proxecto común de futuro, único real e viable hoxe en día". "De non ser así, alerta de que poderían asistir a unha situación de peche ou redución de persoal similar ás producidas hoxe noutras plantas industriais en Lugo ou Barcelona", conclúe.

Protesta de traballadores de Alu Ibérica na Coruña
Protesta de traballadores de Alu Ibérica na Coruña | Fonte: Comité de empresa

PROTESTA DOS TRABALLADORES

Case un cento de coches, segundo os convocantes, sumáronse á caravana de vehículos organizada desde a fábrica de Alu Ibérica na Coruña ata o centro da cidade para esixir a Goberno e Xunta "un proxecto de futuro" para esta instalación. Ademais, reclamaron ao Executivo central que nomee un xestor para "asegurar a viabilidade" da planta.

A caravana, promovida polo comité de empresa, partiu a media mañá do polígono da Grela ata o centro da cidade, cunha parada ante a Subdelegación do Goberno na Coruña para facer ante a mesma unha concentración. Durante a protesta exhibiron nos seus vehículos carteis con distintos lemas como 'Peche non' ou 'Goberno/Xunta, culpables', entre outros.

O presidente do comité de empresa, Juan Carlos López Corbacho, pediu ao Goberno "intervención na empresa xa". "Que interveña na empresa, que clarifique o asunto", dixo tras a compra desta fábrica e da Avilés (Asturias) por parte do Grupo Riesgo.

Protesta de traballadores de Alu Ibérica na Coruña
Protesta de traballadores de Alu Ibérica na Coruña | Fonte: Comité de empresa

"O que hai é un problema empresarial, non financeiro", insistiu, apelando ao Goberno central para que nomee "un asesor, un xestor das plantas" que "fiscalice" o proceso para "asegurar a viabilidade da planta". "E á Xunta igual", engadiu facendo extensiva a súa reivindicación a esta administración.

Por outra banda, incidiu en que se trata dunha fábrica "con 500 postos de traballo na súa plenitude", aínda que agora conte con 320 traballadores. Por todo iso, pediu ao Executivo central "que non faga a avestruz" e aborde o futuro da planta.

"Este é un proxecto que Maroto apadriñou e en dez meses non temos nada", dixo sobre a ministra de Industria e tras a venda inicial ao fondo suízo Parter Capital. "Ten que nomear eses xestores e se hai que establecer un novo proxecto de futuro que pase pola mesa ministerial", expuxo tamén reclamando penalizacións "se non se cumpre" co comprometido.

O BNG ESIXE UNHA "INVESTIGACIÓN"

En apoio ás demandas dos traballadores, estiveron representantes do BNG, entre eles o número dous desta formación pola provincia da Coruña nas eleccións do 12 de xullo, Xosé Luís Rivas 'Mini', quen esixiu "dunha vez a intervención pública desta industria", dixo apuntando tamén á situación da planta de Alcoa.

A iso, sumou a apertura dunha "investigación clara de todo o trapicheo que se traen estes fondos de investimento", aos que acusou de actuar a "escondidas". Ademais, de esixir a Goberno central e Xunta unha intervención "rápida", mostrouse crítico coa postura do Executivo galego. Del, manifestou que está "desaparecido", o que considerou "inadmisible". Tamén lle pediu que aborde "a desindustrialización deste país".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta