As protestas do persoal de residencias contra os "recortes" en vacacións forzan a Xunta a rectificar

As mobilizacións ante os centros tamén levaban entre as súas proclamas a "apertura dunha mesa de negociación para recuperar os dereitos arrebatados no ano 2012".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/05/2020 | Actualizada ás 19:09

Comparte esta noticia

Os sindicatos celebraron este xoves que a Consellería de Política Social retirase a proposta de vacacións que trasladaran para que os seus traballadores gozasen deste tempo de descanso en quincenas.

Segundo explicaron fontes de Política Social a Europa Press, a proposta compartiuse coas forzas sindicais e estas non a compartiron, polo que a Consellería o aceptou e quixo deixar claro, en todo caso, que si recoñecían o sobreesforzo realizado polos empregados dos centros dependentes deste departamento durante a crise sanitaria, como son as residencias de maiores, os CAPD ou os centros de menores.

Ademais, precisaron que realizaron esta proposta xa que entendían que era "o máis seguro de cara a este verán para evitar a trasfega de traballadores nas residencias" e para facilitar o proceso de contratacións nos postos que fose necesario cubrir.

Con todo, os sindicatos situáronse en contra do borrador por considerar que se trataba dun "atropelo continuado contra o persoal dos centros".

Nun comunicado explicaron que "non só non se ampliaban as vacacións para compensar o sobreesforzo do persoal, senón que omitía a recuperación das compensacións por festivos e domingos traballados, a redución da xornada anual, non se computaban as 'X' como días de descanso non solapables e tampouco se compensaban" os días 24 e 31 como "días festivos e inhábiles", entre outras consideracións.

Para eles, esta instrución representaba un intento de "recorte", ao negar a posibilidade de acomodar os períodos vacacionais en función do V Convenio Colectivo e as Instrucións da Dirección Xeral de Función Pública.

Por este motivo, convocaron protestas para este xoves diante de todos os centros dependentes da Consellería e segundo informou o sindicato CSIF nun comunicado, foi durante esta mesma xornada cando a conselleira, Fabiola García, ordenou "deixar sen efecto a proposta de vacacións do persoal de Política Social".

As forzas sindicais achacaron esta decisión á "unión sindical e o éxito das mobilizacións dos traballadores ás portas dos centros de traballo" que fixeron "recapacitar" a García.

RECLAMACIÓNS

Por outra banda, as protestas deste xoves ante os centros tamén levaban entre as súas proclamas a "apertura dunha mesa de negociación para recuperar os dereitos arrebatados no ano 2012", unha petición que compete á Xunta no seu conxunto e non só a Política Social.

Ao mesmo tempo, CIG, CC.OO., CSIF e CIG reclamaron unha "aposta decidida por uns servizos sociais públicos, dignos e de calidade", o incremento das prazas públicas de xestión directa, a posta en valor do traballo e o esforzo realizado durante a situación de emerxencia e a transformación de todos os contratos de fin de semana ou inferiores á xornada completa".

Os sindicatos aseguraron que o 19 de maio a Consellería de Política social trasladoulles un borrador sobre a proposta de vacacións.

Protesta dos traballadores fronte a un centro dependente de Política Social este xoves. CSIF
Protesta dos traballadores fronte a un centro dependente de Política Social este xoves. CSIF | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta