Emigración amplía o prazo para solicitar axudas ao emigrante retornado

Poderanse pedir ata o 30 de outubro.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/05/2020 | Actualizada ás 16:42

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia ampliou o prazo para solicitar as Axudas Extraordinarias ao Emigrante Retornado da Secretaría Xeral da Emigración ata o 30 de outubro, segundo publica este venres o Diario Oficial de Galicia (DOG).

A data límite inicial para acollerse a este programa era o 31 de agosto, pero o Goberno galego decidiu pospoñelo para evitar que as restricións impostas polo estado de alarma declarado co obxectivo de frear a pandemia do coronavirus limite o acceso a esta medida, incluída na Estratexia Galicia Retorna 2020.

Esta medida, acordada polo Consello da Xunta o pasado día 22, foi un dos temas que abordou este venres o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, co presidente da Federación Venezolana de Galicia (Fevega), Manuel Pérez Vidal, na videoconferencia que ambos mantiveron.

O colectivo, explicou a Xunta, está a recuperar a atención gratuíta que ofrece aos galegos que volveron á comunidade desde as oficinas de información que mantén en Vigo, Lugo, Ourense e A Coruña, a través dun convenio asinado co departamento autonómico.

UN PAGO ÚNICO

As Axudas Extraordinarias ao Emigrante Retornado están dirixidas aos galegos que regresasen á comunidade desde o exterior nos últimos dous anos, xa que esta convocatoria busca darlles apoio para que poidan facer fronte aos gastos extraordinarios derivados da súa volta a Galicia.

Trátase dun pago único que conta cun orzamento total de 1,9 millóns de euros. O obxectivo desta orde, que se mantén aberta desde o pasado 17 de marzo, é facilitar o retorno a aqueles galegos que queiran volver á súa terra, e inclúe un complemento de 1.000 euros para as familias por cada fillo menor de idade ata o segundo, e de 1.500 para o terceiro e sucesivos.

A solicitude destas axudas pode realizarse a través da sede electrónica da Xunta ou presencialmente no Rexistro da Xunta. As persoas interesadas poden obter información no Portal Retorna e nas propias sedes da Oficina Integral de Asesoramento e Seguimento ao Retornado, situadas en Santiago, A Coruña, Lugo, Ourense e Vigo.

Case 150 emigrantes en Latinoamérica volven a Galicia décadas despois. EUROPA PRESS - Arquivo
Case 150 emigrantes en Latinoamérica volven a Galicia décadas despois. EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta