Feijóo ten que rectificar tras acusar ao alcalde de Cedeira de utilizar a pandemia para atacar a Manuel Fraga

O presidente da Xunta recoñece "sentirse sorprendido pola repercusión da noticia".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/05/2020 | Actualizada ás 17:23

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, remitiu unha carta ao alcalde de Cedeira (A Coruña), Pablo Moreda (PSOE), para desculparse tras dicir erroneamente que o municipio retirou unha rúa a Manuel Fraga "nun momento de pandemia".

Diso informou o propio rexedor este venres, quen previamente escribira ao titular do Executivo autonómico para queixarse polas declaracións "erróneas" que fixo Feijóo. O pleno no que se aprobou o acordo celebrouse o 9 de marzo, case unha semana antes da declaración do estado de alarma. Ademais, o rexedor aclara que a decisión obedece ao cumprimento, a instancia do Senado, da Lei da Memoria Histórica, que obriga a retirar o nome dunha rúa que lle foi dedicada a Manuel Fraga como ministro de Información e Turismo durante a ditadura de Francisco Franco.

Agora, o rexedor asegura "aceptar as desculpas" de Núñez Feijóo e agradece "este xesto", aínda que considera que "as desculpas terán menos proxección que as súas declaracións recollidas na televisión autonómica".

Na carta, remitida o xoves, 28 de maio, segundo o rexedor, "Núñez Feijóo tamén recoñece sentirse sorprendido pola repercusión da noticia" e confesa que pensaba que "se refería a un acto producido en datas máis recentes". Ademais, expresa o seu desexo de que "as relacións entre a Xunta e o Concello de Cedeira sigan sendo, como ata agora, de permanente e leal colaboración".

INVITACIÓN

Pola súa banda, o alcalde cedeirense mantén a súa invitación para que o presidente da Xunta "coñeza oficialmente Cedeira, así como as súas necesidades e proxectos".

O rexedor municipal tamén quere agradecer "as moitas mostras de apoio recibidas nos últimos días, tanto por parte dos veciños como de xente de toda Galicia". "Para min xa está aclarado e esquecido", asegura sobre este asunto.

Alberto Núñez Feijóo con Manuel Fraga
Alberto Núñez Feijóo con Manuel Fraga | Fonte: xunta.gal

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta