Os galegos valoran cun sete o grao de satisfacción coa súa vida

Un 3,8% das persoas de 16 ou máis anos afirman sentirse sempre ou case sempre soas, segundo unha enquisa do IGE de 2019.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/05/2020 | Actualizada ás 17:22

Comparte esta noticia

O 68,28% dos galegos de 16 ou máis anos reúnese con familiares cos que non convive polo menos unha vez á semana e un 43,5% da poboación contacta con estes por teléfono case a diario, segundo datos da Enquisa Estrutural a Fogares (EEF) de 2019 elaborada polo Instituto Galego de Estatística (IGE).

A porcentaxe de persoas que fala con familiares a diario diminuíu un 0,52% entre 2014 e 2019, mentres o volume de persoas que se reúne coa súa familia polo menos unha vez por semana se reduciu un 3%.

O 2,61% dos galegos enquisados non contactou no último mes con familiares que residían fóra do fogar e un 7,7% non quedou nin se puxo en contacto cos seus amigos durante o último mes. Adicionalmente, un 3,29% da poboación galega de 16 ou máis anos carece dalgunha persoa coa que falar de temas persoais.

Así mesmo, as persoas que non dispoñen dunha persoa que as coide ou lles preste axuda en caso de enfermidade representan menos do 1% dos galegos. En cambio, máis do 90% dos que teñen fillos menores de 14 anos poderían contar con apoio para coidalos.

ESTADO EMOCIONAL

Respecto ao estado emocional, máis 58,6% dos enquisado afirmou sentirse sempre en calma no mes anterior á entrevista e máis do 59% afirmou sentirse sempre ou case sempre feliz. Con todo, os galegos que sentiron sempre ou case sempre tristes representaron un 9,2% e os que se atoparon desanimados e deprimidos nas catro semanas previas á realización da enquisa supuxeron o 6,5%.

Na mesma liña, o IGE advertiu de que o 3,85% dos galegos se senten sempre ou case sempre sós, unha porcentaxe que se eleva ao 16,43% no caso dos que residen en fogares unipersoais.

Ademais, 160.800 persoas maiores de 16 anos sufriron un roubo no últimos cinco anos, o que representa un 6,91% dese grupo de idade. Tamén un 8,34% de 16 ou máis anos se sentiron enganados pola compra dun produto ou servizo. Así, un 19,21% das persoas desta idade aseguran sentirse un pouco inseguras cando camiñan soas pola rúa de noite e, un 6,44%, afirman atoparse moi inseguras. En cambio, o 23,55% sinalan que se atopan moi seguras nesta situación.

En relación á súa vivenda, o 21,63% dos enquisados sinala que presenta problemas de pingueiras, humidade ou podremia e un 12,3% subliña atoparse molesto por ruídos do exterior ou producidos polos seus veciños. Mentres, en 2019, o 7,85% dos fogares situábanse en zonas con delincuencia ou vandalismo e un 7,1% tiña problemas de contaminación, sucidade ou similares na súa zona.

Por outra banda, a enquisa revela que, en 2019, 401.602 galegos que precisaban consultar a un médico ou dentista non o fixeron, principalmente, polo seu custo (37,52%) ou debido a falta de tempo (22,37%).

SATISFACCIÓN COA VIDA

Noutra orde de cousas, a valoración media que a poboación realiza do grao de satisfacción coa súa vida actual sitúase en 7,15 puntos, nunha escala de 0 a 10. En canto a aspectos materiais, a valoración da situación económica do fogar recibe 6,13 puntos e, a da vivenda, 7,36.

En relación coas actividades produtivas, o 66,74% dos galegos valoran a satisfacción co seu posto de traballo cun 7,11, unha cifra que ascende ata o 7,79 no caso das relacións persoais.

SOLIDARIEDADE

A Enquisa Estrutural a Fogares (EEF) elaborada polo Instituto Galego de Estatística tamén detalla que o 60,34% dos galegos doaron roupa ou alimentos a persoas vulnerables en 2019.

Do mesmo xeito, un 17,93% dos galegos coidou a persoas que non pertencían á súa familia sen percibir unha remuneración e un 6,82% realizou traballo voluntario nalgunha ONG ou asociación. Así, un de cada catro enquisados realizan doazóns con finais sociais e un 12% faino con fins culturais ou artísticos.

Dúas persoas maiores e xubiladas tentan disfrutar da súa vellez
Dúas persoas maiores e xubiladas tentan disfrutar da súa vellez | Fonte: canarias7

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta