Así haberá que votar o 12X: máscaras obrigatorias, bandexas para os DNI e moita distancia social

O presidente remarca que haberá "a máxima facilidade histórica" para poder votar por correo e cre que a xente quere "opinar" co seu sufraxio.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/05/2020 | Actualizada ás 18:56

Comparte esta noticia

O Goberno galego aprobou na súa reunión deste venres o protocolo de seguridade para as eleccións do 12 de xullo presentado esta semana, a pesar de que hai unhas semanas dicía que iso era competencia da Xunta Electoral.

Aínda que o presidente subliñou que o nivel de participación poderase prognosticar con maior fiabilidade conforme se achegue o 12 de xullo, augurou que, baixo o seu punto de vista, as eleccións terán "un compoñente de participación normal". "Xogámonos moito e hai moita xente que quere decidir e opinar co seu voto sobre que tipo de Goberno e de Parlamento quere", aseverou.

MÁSCARAS E PRIORIDADE A MAIORES DE 65

Na súa reunión de hoxe, o Executivo aprobou o protocolo de medidas preventivas que foi presentado esta semana e que determina, entre outras cuestións, que será obrigatorio o uso de máscaras --que se apartarán no momento de identificarse, cando haberá, ademais, unha bandexa para depositar o DNI-- e hixienizar as mans para ir votar no colexio electoral.

Tamén se recomenda levar o voto preparado de casa e retiraranse as cortinas das cabinas para evitar ese contacto. Así mesmo, fixaranse distintos itinerarios de acceso ao colexio, darase prioridade aos maiores de 65 anos e pídese gardar a distancia de seguridade de dous metros --ou dun como mínimo se non houbese outra posibilidade--.

Feijóo lembrou que este documento conta co visto e prace do comité clínico co que traballa a Xunta e que foi avaliado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Un equipo de 130 profesionais serán contratados para vixiar que se cumpre o protocolo e a Xunta asumirá todos os custos adicionais --que non concretou-- que supoña a súa implementación.

MANUAL DE INSTRUCIÓNS

O Goberno galego tamén aprobou este venres o manual de instrucións para os integrantes das mesas electorais dos comicios do 12 de xullo, un documento que inclúe unha descrición detallada das distintas fases da xornada, desde as 8,00 horas da xornada ata que finalice o escrutinio.

As medidas que incorpora o documento, neste caso, quedan tamén suxeitas ás indicadas no protocolo de seguridade para o 12-J. Os manuais serán remitidos pola Xunta aos concellos antes do 13 de xuño, data na que empezarán os sorteos públicos para a designación das persoas que integrarán as mesas electorais, e que se poderán producir ata o 17 de xuño.

Colexio electoral galego. Foto de arquivo.. EUROPA PRESS - Arquivo
Colexio electoral galego. Foto de arquivo.. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta