Alumnado catalán lanza unha campaña para que o CELGA se poida acreditar fóra de Galicia

Baixo o cancelo #Querémolo, un grupo de xente que estuda galego en Cataluña xunto co seu profesor, Carlos Vieito, comeza esta iniciativa a través de @Instaengalego.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/05/2020 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

#Querémolo é unha iniciativa que reivindica a posibilidade de acreditar o Certificado de Estudos de Lingua Galega (CELGA) máis alá dos límites xeográficos de Galicia. Verá a luz a través das redes sociais este domingo, 31 de maio, e está impulsada por alumnado catalán que estuda galego en Barcelona da man do profesor Carlos Vieito.

Alumnado catalán pide que o CELGA poida acreditarse fóra de Galicia
Alumnado catalán pide que o CELGA poida acreditarse fóra de Galicia | Fonte: campaña #Querémolo

Instagram en Galego, conta que xestiona o propio Vieito, será a que acolla toda esta campaña, para a que tamén teñen preparado un vídeo no que o alumnado explica a súa relación co galego e os motivos polos que impulsan esta campaña. Trátase dun grupo de persoas heteroxéneo que aprende o galego na cooperativa Aula d'Idiomes, que está situada nos barrios de Sants e Gracia. Fano con fins non curriculares, pero si coa idea de examinarse do idioma como meta na súa aprendizaxe.

Polo de agora, son moitas as trabas coas que se atopan as persoas de fóra do país que queren acreditarse no CELGA. "Deben viaxar, si ou si, ata Santiago Compostela, Lugo ou Ponferrada", explica Vieito. "E a parte da viaxe que teñen que pagar do seu peto, tamén se atopan con que as datas se convocan con moi pouca antelación", engade. Dende a Xunta de Galicia adoitan anunciar o mes no que se desenvolverán as probas, mais non concretan os días ata pouco antes de celebrarse, cousa que "encarece mercar billetes, aloxamento e crea problemas no traballo". 

"Conciliar esta viaxe coa nosa vida persoal e laboral é un problema", denuncia unha das alumnas catalás de galego no vídeo promocional da campaña, que está a piques de facerse público. Por todo isto, piden que, como acontece con outras moitas linguas, se poida acreditar o CELGA fóra de Galicia. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta