Os partidos engrasan a maquinara para unha campaña inédita marcada pola Covid

Politólogos, divididos entre apelar á emoción ou un discurso de propostas, comparten que será difícil colocar mensaxes alleas á pandemia.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/05/2020 | Actualizada ás 12:45

Comparte esta noticia

Os principais partidos galegos engrasan estes días a súa maquinaria de cara a unha campaña electoral con motivo de eleccións autonómicas que se desenvolverá nun escenario inédito, marcado pola pandemia do coronavirus, e no que a difusión mediática terá un especial papel.

A menos dun mes do arranque --o 26 de xuño-- unha incógnita é que sucederá coa suxestión realizada polo PPdeG, en relación á necesidade de que as forzas pacten o posible recorte a unha semana dunha campaña electoral que, por lei, dura 15 días; así como outras cuestións, por exemplo, o papel que van xogar apoderados e interventores na propia xornada electoral.

E é que, aínda que o PPdeG lanzou a proposta, de momento non tomou a iniciativa de chamar á oposición. O PSdeG e Galicia en Común mostráronse remisos, mentres que o BNG se abriu a reducir a campaña a 10 días a cambio dun debate televisado a dobre volta.

Entre tanto, os populares manteñen que non teñen a cabeza nas eleccións e limítanse a avanzar que, chegado o momento, actuarán de forma "prudente e responsable", sen esgotar os aforamentos que se permitan. Farán "moitos actos", pero con menor afluencia. Ademais, fontes do PPdeG consultadas por Europa Press inciden en que Feijóo está "centrado na xestión da pandemia", polo que o seu papel de candidato quedará "nun segundo termo", polo menos de momento.

En relación ás listas, o secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, avanzou que non ve preciso introducir ningún cambio. Por iso, prevese que o Consello da Xunta cese os altos cargos da Administración autonómica que concorrerán nas candidaturas polas catro provincias.

SOCIALISTAS E RUPTURISTAS REMISOS A REDUCIR TEMPOS

Os socialistas galegos, que rexeitan a opción de reducir os 15 días por considerar que Feijóo tenta deste xeito evitar o debate sobre a súa xestión, avanzan unha campaña "propositiva" na que irán incrementando actos conforme se camiñe na desescalada.

Precisamente, o propio candidato do PSdeG, Gonzalo Caballero, asegurou que de cara ás autonómicas, contará co apoio dos membros do Goberno e da dirección do PSOE. "Hai unha capacidade de acción conxunta porque temos un claro compromiso con Galicia, conscientes de que para que a Galicia lle vaia ben necesitamos un goberno de progreso", sostivo.

De cara á cita coas urnas ás que o PSdeG prevé levar as mesmas listas que no 5A sen grandes cambios, Gonzalo Caballero reta a Feijóo a participar en cinco debates --dúas cara a cara e tres cos grupos con representación-- para que os cidadáns poidan observar a confrontación dos distintos proxectos.

O candidato da coalición Galicia en Común - Anova Mareas, Antón Gómez Reino, tamén rexeita reducir a campaña que subliña que "non é un capricho" dos partidos senón que "está lexislada para que o conxunto dos galegos poidan coñecer a proposta política" de cada candidatura e "tomar unha posición".

Por este motivo, pide a Feijóo e ao PP "que explique dunha vez por todas cal é a súa proposta" para celebrar un proceso preelectoral que "cumpra con todos os dereitos democráticos dos galegos e coas garantías sanitarias". A partir de aí, Galicia en Común tomará as decisións sobre o tempo e o modo no que desenvolverá este período.

O BNG, 10 DÍAS E DEBATES

O Bloque si aceptaría reducir a duración pero condiciónao a que exista un acordo entre as forzas para a celebración dun debate a dobre volta entre os candidatos dos principais partidos en liza retransmitido pola CRTVG, que así mesmo tería que realizar un plan de cobertura acorde á importancia do proceso e aumentar o tempo dedicado á información electoral.

Ana Pontón avanzou, ademais, que o Bloque, que xa ratificou que concorrerá coas mesmas listas que o 5A, traballa na "redefinición" da súa campaña para "poder conciliar" as medidas de seguridade co "obxectivo" de explicar o proxecto da fronte nacionalista ao conxunto dos galegos.

EN MAREA

En Marea, que concorrerá en coalición con CxG e o Partido Galeguista, expón actos "con moi pouca xente" e "centrados en colectivos" concretos. Para iso, tal e como explicou o portavoz da formación, Pancho Casal, apostarán por medios telemáticos, pola interacción a través de redes sociais e, mesmo, por "pequenos actos" con persoas nos que se cumpran "as medidas de seguridade" para evitar contaxios.

Ademais, asegurou que o uso do papel será "absolutamente mínimo" e que os medios publicitarios que empregarán serán "se cadra un cartel en cada municipio" para dar a coñecer a candidatura. "A formulación vai ser totalmente diferente á convencional", resumiu.

CIUDADANOS

Urna electoral en Santiago de Compostela.. EUROPA PRESS - Arquivo
Urna electoral en Santiago de Compostela.. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Tras ratificarse de novo o rexeitamento do PPdeG a ir en coalición con Ciudadanos, a formación laranxa, cuxa candidata será Beatriz Pino, empezou a articular actos coa militancia e augura unha campaña "máis mediática" e telemática que tradicional, pero o seu deseño aínda está en marcha. Contemplan, iso si, a posibilidade de realizar algún cambio nas listas que presentaron para o 5A por "cuestións persoais".

En canto a Vox, o único que se ratificou polo momento é a súa intención de presentarse, pero non concretou se validará as candidaturas que presentou para abril.

ENTRE A CAMPAÑA "EMOCIONAL" E O DISCURSO DE PROPOSTAS

Á espera de que os partidos vaian cumprimentando trámites e perfilen o deseño das súas campañas, politólogos consultados por Europa Press teñen posturas diferentes en relación a cal será a mellor estratexia para os candidatos, aínda que coinciden en que a axenda que focalizará o período preelectoral será a COVID-19 e complicarase colocar calquera mensaxe que nos distintos planos --sanitario, social ou económico-- non estea vinculado á pandemia ou á reactivación.

Nesta conxuntura, Erika Jaráiz, do Equipo de Investigacións Políticas da Universidade de Santiago de Compostela, cre que habería que reforzar que a cidadanía teña "acceso directo" ás persoas candidatos, polo que sería positivo reforzar presenza nos medios, que serán "claves" no desenvolvemento desta campaña.

Tamén augura que esta "será unha campaña moi emocional". "As emocións, reforzadas pola crise, a situación vivida durante o confinamento e unha nova normalidade que dista bastante de ser normal, terán un papel fundamental na conformación do voto, polo que as estratexias dos partidos deberían dirixirse a capitalizar as ditas emocións", considera.

Desde a Universidade de Vigo, Enrique Varela, profesor da área de Ciencia Política e da Administración, ve máis relativo o papel dos medios e cre que pode funcionar mellor á oposición un discurso propositivo que "desmonte" o papel de xestor de Feijóo. Iso si, apuntan que deben ir "todos a un tempo" e articular un discurso de "alternativa" a un PPdeG con maioría absoluta ou dificilmente terán opcións.

Pola súa banda, Álvaro Xosé López Mira, tamén profesor da Universidade de Vigo na área política, incidiu na presenza mediática de Feijóo, precisamente no marco de xestión da crise sanitaria, polo que considera que o candidato popular chegará ao período formal preelectoral "coa campaña medio feita". Tamén ve difícil que os partidos se arrisquen cunha estratexia convencional e coincide cos seus compañeiros en que o resultado, como pouco, será incerto.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta