O Sergas ve "lóxico" que a sanidade privada pida compensacións ao Ministerio pola Covid

"O custo da pandemia" en Galicia supera os 100 millóns de euros, asegura o conselleiro de Sanidade.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/05/2020 | Actualizada ás 14:55

Comparte esta noticia

O conselleiro de Sanidade e máximo responsable do Servizo Galego de Saúde (Sergas), Jesús Vázquez Almuiña, ve "lóxico" que a sanidade privada galega se poida dirixir ao Ministerio de Sanidade para reclamar compensacións polas consecuencias da pandemia no sector.

Ao ser preguntado polo que lle correspondería ao negocio da sanidade en Galicia como compensación polo gasto xerado nesta crise sanitaria, o conselleiro respondeu nunha entrevista na Radio Galega este sábado, recollida por Europa Press, que "o lóxico é que se dirixan ao Ministerio de Sanidade para ver que poden facer por aí".

A pesar de que Vázquez Almuiña recoñeceu que non se pode falar estritamente de gasto, "polo número de casos que tiveron non foi moi alto", si que cre que "estiveron a disposición do mando único", é dicir, do Goberno central. Neste sentido, apunta a que poidan ser compensados polo Estado porque ao ser necesaria a dispoñibilidade "non podían ir a ERTE".

Asegurou que desde a súa Consellería se comprometeron a "cumprir cos contratos anuais que temos para recuperar a actividade e dar respostas ás necesidades dos galegos".

Así mesmo, tamén sinalou que "o custo da pandemia" en Galicia supera os 100 millóns de euros, xa que "isto non acabou" senón que Galicia se atopa en "un proceso de val" e hai cousas "que chegaron para quedar".

Exemplificouno cos "sistemas de protección, os reactivos para diagnóstico ou os sistemas de vixilancia" que supoñen un custo engadido e que permanecerán en Galicia como "un investimento de mais de 100 millóns de euros".

Rolda de prensa de Jesús Vázquez Almuiña e Alfonso Rueda. Xunta de Galicia
Rolda de prensa de Jesús Vázquez Almuiña e Alfonso Rueda. Xunta de Galicia

PREOCUPACIÓN POLAS AGLOMERACIÓNS EN PRAIAS

O conselleiro de Sanidade mostrouse "preocupado" este sábado polas "imaxes de concentración de persoas" que se viron esta semana nas praias galegas e advirte que agora mesmo "son o lugar máis perigoso" para que se produzan contaxios, polo que apela a "gozar con precaución".

As terrazas foron un lugar de gran concentración de persoas ao comezo da fase 1 e esta semana que Galicia entrou na fase 2, na que xa está permitido o baño e a estancia na praia, o conselleiro viu como a situación se repetía, polo que apuntou á "importancia de tomar precaucións para evitar algún brote", aínda que cre que sucederá como coas terrazas e que co tempo se "levará mellor, de forma cívica".

Así o manifestou este sábado nunha entrevista na Radio Galega, recollida por Europa Press, na que tamén apuntou a "extremar a vixilancia" para evitar a mobilidade entre comunidades, xa que "claramente se esta vendo un incremento de persoas en supermercados, terrazas ou restaurantes". A pesar de que asegura que desde a Xunta estarían "encantados", cre que "agora debería esperarse a acabar estas fases, porque é un risco facer este tipo de movementos".

En todo caso, asegurou que a partir do luns a Xunta solicitará pasar á fase 3 da desescalada e volverá reiterar a petición sobre a mobilidade entre provincias. Vázquez Almuiña apóiase nos "datos moi bos" que indican que "o virus está a circular moi pouco pola Comunidade e os poucos casos que hai pódense detectar".

ESTADO DE ALARMA

Por outra banda, o conselleiro tamén se pronunciou sobre o estado de alarma no país. Para el, "hai moitas cousas en xogo" á hora de tomar unha posición e apunta a que "se está falando do interese dos partidos para facer unha cousa ou outra".

Con todo, Almuiña asegura que "a Xunta entende que levamos moito tempo en estado de alarma e que hai outras medidas que nos poden axudar máis". Cre que os concellos tamén xogan o seu papel en situacións como o control de acceso ás praias, a pesar do mando único. Por iso, cre que manter a situación actual "non depende tanto do estado de alarma como de que as normas que haxa se cumpran".

MARIÑEIROS, POLICÍA E GARDA CIVIL

No que respecta á detección do virus, o Sergas segue traballando en modelos de cribado, con test anticorpos a diferentes colectivos. Almuiña asegurou que "a próxima semana" se empezarán a realizar estas probas aos mariñeiros que vaian embarcarse por un período longo de tempo e que tamén están a pensar en relizar test á Policía Nacional e á Garda Civil.

"Aos poucos temos que ampliar a detección a casos asintomáticos", precisou. Por este motivo o Sergas tamén utiliza un sistema de 'pooling' no hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo que, de momento, deu "moi bos resultados", segundo o conselleiro. Así, podería extrapolarse a outros hospitais.

Con todo, outros métodos como a toma de temperatura ou facer test aos turistas que cheguen aos aeroportos españois, como propuxo o Goberno, non son compartidos polo titular de Sanidade.

SERVIZO SANITARIO

Tras a suspensión de moitas das actividades hospitalarias programadas por mor da pandemia, este mércores volverá "toda a cirurxía", anunciou o conselleiro. "Agora queda recuperar as listas de espera que temos, 54,5 días de demora media".

Por este motivo, apostan por aproveitar os meses de xuño, xullo e agosto para "tentar recuperar unha parte da actividade" no verán. A pesar de que a cirurxía oncolóxica e urxente non se paralizou, quedan por facer intervencións de patoloxías non prioritarias.

Este verán o Sergas fará "máis contratacións que nunca" polo "compromiso" que demostraron os profesionais contratados para reforzar os persoais durante a COVID-19. "Imos mantelas e no verán seguiremos contratando porque non queremos que o verán sexa un tempo perdido, senón que sirva para recuperar a actividade que tivo que ser paralizada".

"Agora que temos que recuperar os niveis de asistencia que tiñamos a principios de marzo tardaremos entre 6 e 12 meses en recuperalos, segundo apuntan os expertos", precisou Almuiña, que tamén dixo que hai servizos como a teleasistencia ou a consulta telefónica que "chegaron para quedar".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta