Galicia incrementará o aforamento de restaurantes ao 50% desde o luns

Os concellos sinalan as "dificultades" que lles xera "a organización das eleccións".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/05/2020 | Actualizada ás 18:10

Comparte esta noticia

O Centro de Coordinación de Operativa (Cecop) da Xunta de Galicia acordou incrementar o aforamento dos restaurantes e locais de hostalaría ata o 50% da súa capacidade a partir deste luns.

Para facelo, esta entidade, que conta con representantes da Delegación do Goberno, Xunta de Galicia e Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), ampárase en que "as instrucións publicadas no Boletín Oficial do Estado (BOE) para a fase 2, autorizan ás distintas comunidades a modificar o aforamento máximo no interior destes establecementos, ben reducíndoo ao 30% ou incrementándoo ao 50%".

Foi este sábado cando os representantes das tres institucións chegaron a este consenso, segundo explicou o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, tras o encontro.

Así, os locais deberán "manter as medidas de seguridade establecidas polo Ministerio de Sanidade", para o que o Goberno galego reservou unha parte do seu Plan de Reactivación do sector turístico que "favoreza a adecuación hixiénico-sanitaria destes establecementos hostaleiros, que garanta a seguridade a traballadores e usuarios".

Esta ampliación leva tamén unha "especial chamada de atención á responsabilidade dos usuarios de hostalaría e ao 'sentidiño' que se reclama sempre para poder seguir progresando durante esta pandemia" ata recuperar unha vida medianamente normal, subliñou Rueda.

TEST A POLICÍA LOCAL

Por outra banda, na mesma reunión falouse da posibilidade de realizar "test serolóxicos" a todo o persoal de Policía Local dos concellos galegos, a Garda Civil e a Policía Nacional e no caso de que estes dean positivo, realizaríaselles unha PCR.

Ademais, analizáronse os datos relativos á evolución de pasaxeiros no transporte público de titularidade autonómica desde que se volveu a abrir o tráfico habitual.

Concluíron que "a confianza dos usuarios no transporte público se reflicte na tendencia de crecemento" do seu uso "desde a entrada de Galicia na fase 1, cando se pasou dunha media diaria de 6.974 usuarios a 12.000 na semana do 11 ao 17 de maio. Durante a semana 18 ao 22 de maio chegouse a un máximo dos 15.840 pasaxeiros que empregaron o transporte público, o día 22 de maio.

PREVENCIÓN DE INCENDIOS

Por último, na reunión entre os representantes autonómicos, locais e estatais abordouse a necesidade de "adecuar a realidade da emerxencia sanitaria aos labores dos axentes ambientais e bombeiros forestais de Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais (Spdcif) de Galicia" na desinfección de centros de saúde, residencias e de discapacitados.

A Cecop avaliou que a actuación deste servizo debe centrarse agora na prevención e loita contra incendios forestais e, ao mesmo tempo, realizar os traballos naqueles centros e instalacións que indique a Consellería de Sanidade.

Terrazas cheas en Vigo no primeiro día da fase 1 da desescalada
Terrazas cheas en Vigo no primeiro día da fase 1 da desescalada | Fonte: c Miguel Núñez

DIFICULTADES NA ORGANIZACIÓN DOS COMICIOS

Doutra banda, representados pola Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), sinalan as "dificultades que a COVID-19" lles xera na "organización dos comicios" polo que urxe "traballar nas cuestións non resoltas do protocolo elaborado exclusivamente pola Xunta de Galicia".

O presidente da Fegamp, Alberto Varela, manifestou que este "é un protocolo xa aprobado" que obriga os gobernos locais a "axustarse a esas condicións". Por iso, comunicou á Xunta que "os concellos necesitan empezar a traballar canto antes, porque nestas circunstancias" vai levar " moitísimo tempo".

Así o trasladou ao vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, na reunión do Centro de Coordinación Operativa (Cecop) deste sábado. Na mesma, tamén instou o Goberno galego a "prever medidas ou instrucións" para as verbenas, no caso de que se poidan celebrar. "É unha situación tan excepcional que no caso de que se poidan celebrar verbenas populares non podemos ampararnos só na Lei de espectáculos" senón que os concellos deben contar con "instrucións claras das autoridades sanitarias".

Liña seguida, Varela trasladou a reivindicación dos empresarios de orquestras que piden ao Goberno autonómico "axudas económicas" para o sector, xa que "parece xusto que así como outros sectores" reciben subvencións, tamén se lles dea axudas ás orquestras.

ACTIVIDADES INFANTÍS

En canto a outros asuntos, a Cecop vai permitir a partir de agora compatibilizar na fase teórica dos cursos de monitor e director de actividades de educación en tempo libre infantil e xuvenil e director de campos de voluntariado a actividade presencial e a distancia. Tamén se aprobou a ampliación nun ano (de dous a tres) do prazo para facer a fase práctica.

Sobre este tipo de activides, a Fegamp reclamou protocolos para campamentos e outras actividades recreativas infantís, plans de conciliación para pais e nais traballadores con menores ao seu cargo, así como solucións para persoas sen fogar.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta