O BNG pide un horario preferente para maiores e ampliar a xornada electoral

O Bloque solicitará á Xunta Electoral unha "aclaración" ante a posibilidade de que os carteiros dean fe da recepción do voto no domicilio.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/05/2020 | Actualizada ás 12:17

Comparte esta noticia

O BNG deu a coñecer este domingo a súa contraproposta ao protocolo da Xunta para que os comicios galegos, previstos para o 12 de xullo, se desenvolvan "con todas as garantías democráticas". Así, os nacionalistas piden establecer unha franxa horaria de votación preferente para persoas maiores e ampliar a xornada electoral para que os colexios pechen ás 21,00 horas, en lugar da ás 20,00.

Así o avanzou a coordinadora da campaña do Bloque, Goretti Sanmartín, quen explicou que a intención da formación é "que haxa unha participación masiva" e que "poida votar o maior número posible de galegos e de galegas pero con todas as garantías democráticas".

Ademais do horario preferente para maiores e da ampliación da xornada, a contraproposta do BNG prevé que as oficinas de Correos en Galicia teñan un horario estendido e que abran de luns a domingo, de mañá e de tarde, para que os cidadáns poidan solicitar e emitir o voto.

O protocolo que está en desenvolvemento por parte da Xunta --entre Vicepresidencia e a Consellería de Sanidade--, que busca potenciar o voto por correo, deu pé esta semana a que a Xunta Electoral Central decidise, como medida "extraordinaria", que os carteiros poidan "dar fe" da recepción do sufraxio no domicilio daquelas persoas que opten por esta modalidade.

"PERIGOSA AO FAVORECER A FRAUDE"

O BNG considera que esta fórmula "non só non ofrece garantías democráticas, senón que resulta ambigua e mesmo perigosa ao favorecer a fraude". Por iso, a formación pedirá unha "aclaración" á Xunta Electoral Central.

E é que, aínda que os nacionalistas defenden que haxa "unha participación masiva" neste proceso "decisivo" para Galicia, Goretti Sanmartín apunta que "o que non se pode é cambiar as regras de xogo de tal forma que se pretenda converter en xeral o voto por correo", unha fórmula que a lexislación contempla "para determinadas circunstancias".

Neste sentido, a coordinadora de campaña do BNG considera que, ademais de "non estar prevista" na lei a universalización desta modalidade, o servizo postal "non ten persoal suficiente" para atender ao voto por correo masivo coas debidas garantías democráticas.

Por iso, os nacionalistas lanzan unha contraproposta que vai na liña "de conseguir que vote o maior número posible de persoas pero con garantías, como establecer un horario preferente para as persoas maiores, ampliación da xornada nos colexios electorais e ampliación tamén no horario de atención de Correos", recalcou.

Mesa coas papeletas do 25 de setembro nun colexio electoral. EUROPA PRESS - Arquivo
Mesa coas papeletas do 25 de setembro nun colexio electoral. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Seica temos unha cadidatura que aposta pola Federación Ibérica con Portugal, e mantén o principio da Democracia Directa (?) Ademáis presenta a unha muller á Presidencia da Xunta ! Federalismo - Feminismo - Democracia Radical Non está mal para empezar... https://unidossi.es/2020/05/28/unid... O presidente do Partido en Galicia vende en Mecadillos (experto en economía social) ?