Por Galicia Confidencial | Galicia | 31/05/2020 | Actualizada ás 16:03
O presidente da Xunta volveu insistir en pedirlle protocolos ao Goberno central e non asumir as competencias propias, a pesar de que o presidente español, Pedro Sánchez, anunciou que será Alberto Núñez Feijóo o encargado de controlar toda a desescalada a partir da entrada de Galicia na fase 3.
“Non vamos a saber en que consiste a fase 3 namentras que non haxa un real decreto de ampliación da prórroga e non se especifiquen as competencias. Só se nos dixo que os presidentes autonómicos asumiriamos o mando”, xustificou este domingo Feijóo na rolda de prensa posterior á xuntanza dos presidentes autonómicos para insistir en pedir máis protocolos ao Goberno central.
Por iso, insistiu en pedir protocolos sobre turismo e sobre educación. Así, e aínda que Galicia xa é competente para abrir escolas ou garderías, Feijóo insiste en que sexa o Goberno central quen decida. Nos últimos días a Xunta xa aprobou abrir as aulas do último ano de bacharelato e da FP e prohibir a apertura de garderías, o que ten provocado críticas no sector.
PIDE PROTOCOLOS DE TURISMO E EDUCACIÓN
Este domingo Feijóo inisistía en pedirlle ao Goberno central que sexa o que regule a educación de todas as autonomías. “Non ten sentido que cada autonomía vaia por un lado, xa que o informe PISA valora a todos por igual”, dixo. “O lóxico é ter un protocolo único para toda España”, dixo e, “aínda que poida haber matices no ámbito universitario non é razoable ter protocolos para residuos orgánicos e industriais e non para a educación”, matizou.
Tamén destacou que no caso de regular o turismo internacional é unha competencia do Goberno central, pero evitou contestar cando este medio lle preguntou sobre como regulará o turismo interno ou os turistas do resto do Estado que veñan a Galicia para evitar rebrotes. “É unha preocupación da Xunta”, recoñeceu ao tempo que dixo que a Xunta xa ten un plan se hai rebrote nun barrio, cidade, concello ou mancomunidade, pero insistiu en pedir que sexa o Goberno central quen regule esta situación para “casar estes criterios cos criterios epidemiolóxicos de toda España senón cada un podería facelo baixo a súa conta”.
“Nós temos moitos protocolos pero non os utilizamos porque son subsidiarios do Goberno central e se hai que facer máis pois os faremos, pero temos que saber que competencias teriamos en fase 3”, volveu poñer como escusa o presidente galego. En todo caso, suliñou que a Xunta xa ten criterios sanitarios desde o 13 de marzo. “E se temos que activar cautelas sanitarias, pois xa a activaremos”, dixo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.