A Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria pide "medios extraordinarios" para afrontar o verán

Propón "unha terceira volta do estudo de seroprevalencia" tras o verán por información "valiosa" para a planificación asistencial

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 01/06/2020 | Actualizada ás 16:10

Comparte esta noticia

A Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria (Agefec) solicitou á Consellería de Sanidade "unha dotación de medios extraordinaria" para afrontar o período estival 2020, así como "unha terceira volta do estudo de seroprevalencia" tras o verán.

Sanitarios, médicos, enfermeiras e auxiliares están na primeira liña de loita contra o coronavirus Covid-19
Sanitarios, médicos, enfermeiras e auxiliares están na primeira liña de loita contra o coronavirus Covid-19 | Fonte: EFE

Esta sociedade científica de enfermaría informou de que demandou "a cobertura do 100% das ausencias" nos cadros enfermeiros de Atención Primaria en Galicia, ademais dun "reforzo extra" para "afrontar a segunda volta do estudo de seroprevalencia do SARS-CoV-2".

Este colectivo xustifica a súa petición na "necesidade de afrontar cos máximos recursos posibles" a segunda parte do estudo de seroprevalencia da Xunta, así como tamén "a recuperación da actividade asistencial programada que se viu aprazada polas restricións na mobilidade da cidadanía e asistenciais para lograr unha estabilización dos índices da pandemia".

"INFORMACIÓN VALIOSA"

Agefec propón ás autoridades sanitarias "valorar unha terceira volta do estudo de seroprevalencia á volta do verán" na que, destaca, "prevese un considerable incremento da circulación do virus coa apertura das fronteiras da comunidade e a afluencia de persoas doutras comunidades nas que a taxa de infección foi superior".

"Esa información ao remate do verán, comezos do outono, pode ser valiosa para a saúde pública e a planificación asistencial cara ao outono e a campaña de vacinación contra a gripe", sentenza.

En relación á segunda onda, cuxo inicio estimou o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, para a semana próxima, Agefec destaca o "esforzo" que representará a súa realización, á vez que incide en que "a experiencia previa da volta anterior vai contribuír moi positivamente".

"Valoramos que se conte coas enfermeiras de familia e comunitaria para liderar este tipo de estudos epidemiolóxicos e de saúde pública", incidiu esta sociedade científica.

Así mesmo, reivindicou que "se deixe de desvirtuar e menosprezar a Atención Primaria" e "se traballe por dotala dos recursos (especialmente humanos) necesarios para afrontar os problemas de saúde dos galegos", concluíu Agefec.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta