Néstor Rego critica que PP e PSOE só se solidaricen cos traballadores da Nissan pero non cos de Alcoa

Denuncia que as principais forzas políticas españolas rexeitasen estender, nunha carta que non asinou no Congreso, a solidariedade aos traballadores e traballadoras de Alcoa após facelo cos da Nissan.

Por Galicia Confidencial | Madrid | 02/06/2020 | Actualizada ás 11:44

Comparte esta noticia

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego,  expresou o seu total apoio e solidariedade aos traballadores da Nissan tras anunciar a empresa xaponesa que pecha a súa fábrica en Barcelona, pero criticou a PP e PSOE por non facer o mesmo cos operarios de Alcoa.

O deputado de BNG, Néstor Rego
O deputado de BNG, Néstor Rego | Fonte: EP

Por iso, o deputado nacionalista decidiu non asinar a carta, promovida polo PSOE e asinada por todos os grupos do Congreso agás Vox e a CUP, que lle pedía ao presidente desta factoría xaponesa que reconsiderara este peche. O BNG trasladou ao Partido Socialista a disposición a asinar mais reclamou que o mesmo tratamento e dese ao persoal da planta de aluminio de Alcoa San Cibrao despois do anuncio da empresa de fechala.

Unha vez que non houbo resposta positiva por parte do Partido Socialista, o BNG acordou non asinar a carta dirixida ao presidente da Nissan por considerar que se estaba diante dunha “clara discriminación por parte das forzas do Goberno ao noso país e aos intereses do pobo galego”. A carta foi asinada por grupos tan dispares como PNB, Bildu, ERC, JxC, Ciudadanos ou o PP.

“Tampouco vimos que o Partido Popular se lembrase dos traballadores e traballadoras de Alcoa e de reclamar o mesmo trato para esta empresa ubicada na Galiza”, apuntan desde o BNG.  En todo caso o BNG, para alén do xesto simbólico de apoio que supón a carta, entende que tanto PSOE como Unidas Podemos deben exercer a súa responsabilidade de Goberno para garantir a actividade empresarial e a continuidade dos postos de traballo. 

E, no caso de Alcoa, para o Bloque “é evidente que a única alternativa real de que isto sexa así é procedendo á nacionalización da empresa para que retorne ao sector público, unha posición que por certo, defendía a actual Ministra de Traballo cando estaba na oposición”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Geronimus

¿Y con los de ENCE? Con esos no se solidariza el BNG.