Piden blindar o Camiño contra peregrinos internacionais e abrilo só aos do resto de España

Asociacións do Camiño alertan de que se poden dar "saturacións en poboacións" tras reducir un terzo o número de camas en albergues e hostais.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 02/06/2020 | Actualizada ás 12:53

Comparte esta noticia

A Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago (FEAACS) expresou este martes a súa "sorpresa" pola intención das autoridades de abrir o Camiño directamente aos visitantes internacionais o 1 de xullo e fixo fincapé en que o desexable sería unha "primeira fase" con "peregrinos exclusivamente españois" que permitise testar as medidas postas en marcha.

Camiño de Santiago
Camiño de Santiago

A través dun comunicado, a Federación fixo un chamamento "á prudencia e á coordinación" para "garantir un regreso seguro ao Camiño", tendo en conta que "axiña que a mobilidade vaia recuperando o seu estado de liberdade plena, cabe esperar que os peregrinos regresen progresivamente ao Camiño". Esta é "unha realidade que preocupa á Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago", á que a apertura de fronteiras para inicios de xullo "colleu por sorpresa".

"Sempre consideramos unha folla de ruta na que houbese unha primeira fase, exclusivamente con peregrinos nacionais, o que permitiría verificar e consolidar as medidas a aplicar. Esta decisión é unha invitación ampliada, un efecto chamada que repercutirá nun aumento do número de peregrinos", considera a entidade, para a que "a día de hoxe non existen normas que garantan a seguridade das persoas, tan só recomendacións dirixidas a reducir riscos, e cuxa implementación require medidas, material e persoal".

CARACTERÍSTICAS PARTICULARES

Do mesmo xeito, a federación explica que a guía elaborada polo Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE) fai recomendacións enfocadas a 'Albergues e Hostels' "pensando en establecementos turísticos". "Cremos que peregrino e turista non son o mesmo, é conveniente non confundilos", apuntan, indicando que estas especificacións non recollen a idiosincrasia destes establecementos.

Ademais, coas medidas impostas, "o aloxamento dos albergues verase reducido practicamente a un terzo da súa capacidade habitual, e así debe ser". Con todo, "o binomio peregrinos-camas, se non está sincronizado, pode ocasionar problemas nalgunhas poboacións, apuntan, polo que convidan as autoridades a pensar e actuar "anticipadamente" ante a "posibilidade de que o fluxo de peregrinos poida chegar a pasar a capacidade do aloxamento dispoñible", así como o modo de actuar en caso dun rebrote.

Sobre a importancia dos albergues na experiencia do Camiño de Santiago, a Federación recoñece que "pode ser precisa unha reactivación económica e social con certa urxencia e que o verán é un momento clave para o turismo". "Pero o Camiño de Santiago, as Rutas Xacobeas, non son un paquete turístico. Son rutas de peregrinación, de vivencia, de experiencias propias e compartidas, de confraternización, onde o que debe prevalecer é a propia esencia do Camiño", destacan.

RISCO PARA OS HOSPITALEROS E VECIÑOS

Entre outras cuestións, os Amigos do Camiño expresaron a súa preocupación pola seguridade dos hospitaleros voluntarios, que "desempeñan un papel fundamental na conservación e transmisión dos valores xacobeos, compartindo coñecemento e experiencias, moitos dos cales se atopan en franxa de risco debido á súa idade".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 un que sabe

Poden vir os de Alemania pero non os de Madrid... Madrid esta totalmetne infectado e corrido polo virus