Por Europa Press / Redacción | Valladolid | 02/06/2020 | Actualizada ás 17:27
Un tren Alvia Ferrol-Madrid sufriu unha colisión á primeira hora da tarde deste martes cun todoterreo que caera sobre a vía desde un paso elevado e cuxo condutor faleceu, do mesmo xeito que un dos maquinistas do convoi, cuxa cabeza motora descarrilou. O maquinista finado era da Coruña, tiña 32 anos e estaba en prácticas. O compañeiro deste resultou ferido e foi trasladado a un centro hospitalario.
O sinistro produciuse uns minutos antes das 16.11 horas deste martes, cando un turismo caeu desde un paso elevado á vía da liña Zamora-Ourense, á altura da base de alta velocidade de La Hiniesta (Zamora), onde foi arroiado por un tren Alivia que percorría o traxecto Ferrol-Madrid e cuxa locomotora descarrilou, pero o resto de vagóns quedaron en pé sobre os raíles.
O condutor do turismo perdeu a vida, mentres que os maquinistas da locomotora do tren quedaron atrapados no interior da mesma. Segundo o 112, puideron ser excarcerados e, mentres un deles foi trasladado ferido o hospital, o outro perdeu a vida no lugar do sinistro, onde os servizos de emerxencia trataron, sen éxito, de reanimalo, como sinalaron fontes da Delegación do Goberno en Castela e León.
A maioría dos 158 pasaxeiros que ocupaban os vagóns resultaron ilesos, agás seis persoas que presentan diversas doenzas "leves" como lategazos cervicais ou episodios de ansiedade, segundo informou a Subdelegación do Goberno en Zamora.
O Servizo de Emerxencias Castela e León 112 sinalou que a sala de operacións deu aviso do incidente a Garda Civil (COS), bombeiros de Zamora, Cruz Vermella, que enviou unha ambulancia de soporte vital básico e a Emerxencias Sanitarias, Sacyl, que enviou dous helicópteros medicalizados, dúas ambulancias de soporte vital básico e unha UVI móbil.
Adif engadiu, a través do seu perfil de Twitter, que se atopa interrompida a circulación ferroviaria entre Carbajales de Alba e Zamora (liña Zamora-Ourense) por este sinistro. Ademais, o administrador de infraestruturas ferroviarias mobilizou o tren taller e os equipos de mantemento necesarios e "colabora en todo momento coas autoridades e os equipos de emerxencia desprazados á zona".
Os ocupantes do tren foron trasladados en catro autobuses á estación de ferrocarril de Zamora, desde onde continuarán a viaxe en tren.
TRIPULACIÓN GALEGA
Segundo explican por parte do sindicato CGT, o mozo en prácticas falecido estaba "a se habilitar para poder conducir os trens de longa distancia" da zona da Coruña. O pai do novo é interventor de Renfe de media distancia na estación da Coruña desde hai anos, segundo estas mesmas fontes.
O outro maquinista e titular do tren, que se atopa "grave" na UCI, sería natural de Zamora, aínda que vive na Coruña, onde leva anos traballando.
Pola súa banda, o sector feroviario de CC.OO. de Galicia lamentou o accidente rexistrado en Zamora e trasladou as súas condolencias a familiares, compañeiros e amigos do maquinista ferido, ademais de desexar a "pronta e completa" recuperación do outro maquinista ferido e dos pasaxeiros que tamén sufriron feridas.
O sector ferroviario de CC.OO. ratificou que toda a tripulación deste tren —dous maquinistas e catro interventores— é galega, en concreto da Coruña, e está adscrita ao servizo de longa distancia, como era o caso do Alvia accidentado, que realizaba o traxecto Ferrol-Madrid e Pontevedra-Madrid, que ían xuntos desde Ourense.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.