Gonzalo Caballero acusa a Feijóo de "abandonar os galegos na crise da Covid-19" por "estar omnipresente nos medios"

O PSdeG-PSOE móstrase "aberto á procura das mellores fórmulas de xestión do ingreso mínimo vital".

Por E.P. | Santiago de Compostela | 02/06/2020 | Actualizada ás 18:46

Comparte esta noticia

O candidato á Presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, acusou o titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, de "abandonar os galegos" na crise da COVID-19 por "saír de maneira omnipresente nos medios de comunicación cun relato inadecuado e falto de veracidade".

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, xunto a cargos do PSdeG
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, xunto a cargos do PSdeG | Fonte: Europa Press

O xefe de filas dos socialistas galegos pronunciouse deste xeito tras participar este martes nun encontro con cargos socialistas do PSdeG en Ourense, como o secretario provincial, Rafael Rodríguez Villarino.

Co horizonte nas próximas eleccións autonómicas do 12 de xullo, o candidato socialista manifestou que "a saída a esta crise hai que facela desde as ideas e o compromiso progresista", para logo engadir que "Galicia necesita unha nova etapa progresista á fronte da Xunta de Galicia que poña ás persoas por enriba de calquera outro interese".

As "receitas do socialismo democrático" que expuña o PSdeG-PSOE para as eleccións do mes de abril son "agora máis necesarias que nunca para remontar esta grave situación económica e social", insistiu Gonzalo Caballero.

Nesta liña, presentou os "compromisos" da súa formación centrados na "construción dun escudo protector para a cidadanía en situacións vulnerables; o reforzo da sanidade pública, universal e gratuíta e a importancia do Estado de benestar con políticas que prioricen o emprego".

Neste contexto, Gonzalo Caballero insistiu na necesidade de "unha nova política económica que priorice a situación dos traballadores, pequenas e medianas empresas e autónomos, ademais de investir en I+D+i".

"O cambio ten que ser liderado polo PSOE", manifestou o secretario xeral da formación socialista, despois de afirmar que "Feijóo non entende nada de economía e en 11 anos á fronte da Xunta de Galicia non soubo nin tivo interese nesta materia".

CONFRONTACIÓN

Ademais, Gonzalo Caballero pediu a Feijóo que "solucione os problemas graves aos que se enfronta Galicia", entre os que citou a necesidade de conciliación familiar e a reapertura de gardarías e centros de día, e que "deixe de confrontar continuamente co Goberno de España".

Neste contexto, considerou que o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, "debe recoñecer e aplaudir a medida de protección do ingreso mínimo vital tomada polo Goberno central e que será moi importante para a cidadanía galega".

Ademais, insistiu en que desde o PSOE están "abertos á procura das mellores fórmulas de xestión para a tramitación dos expedientes de ingreso mínimo vital", a condición de que se "fixe a prioridade no social".

"O noso compromiso é coas persoas, cremos no Estado das autonomías e pomos en valor un goberno de España que toma decisións de tanto calado", expresou Gonzalo Cabalero.

Por outra banda, aproveitou a súa visita á cidade das Burgas para acusar a Feijóo de ser "cómplice" da "involución democrática que representan o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e o presidente da Deputación, José Manuel Baltar, para a provincia".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta