Correos estuda medidas para un protocolo que garanta que o voto emitido en domicilios non se poida manipular

Os sindicatos piden non ter que entrar nin en residencias, nin casas nin hospitais e a empresa di que estudará esta reclamación.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 02/06/2020 | Actualizada ás 19:12

Comparte esta noticia

Correos elaborará un protocolo para dar garantías ao voto que se solicite por correo e que se tramite a través dos carteiros que acoden aos domicilios, co fin de que o sufraxio teña as máximas garantías e non se poida manipular.

Voto por correo
Voto por correo | Fonte: Europa Press.

É unha das cuestións á que a empresa se comprometeu nunha reunión que este martes mantivo cos representantes dos traballadores, tanto en Galicia como en País Vasco, segundo fontes sindicais..

No entanto, nesta reunión telemática, celebrada na mañá deste martes, só se pulsaron as opinións e informouse da resolución da xunta electoral central pola que se habilitou aos carteiros a recoller o voto nos domicilios das persoas que así o pidan na cita coas urnas do próximo 12 de xullo.

Segundo os sindicatos, a empresa estudará medidas como as expostas polos representantes sindicais, entre as que se atopa un "precinto" especial para os sobres que inclúan os votos.

Todos os sindicatos consideran que é necesario reforzar o persoal, posto que hai unha chamada á votación por correo que pode ter un efecto de sobrecarga de traballo e mesmo o "colapso" nas oficinas de correos e para o persoal que fai labores de repartición e recollida.

A recollida do voto por correo farase sen a firma do elector, só previa identificación co DNI, segundo as instrucións da xunta electoral central. Ademais, segundo as fontes sindicais consultadas, preservarase que ningún dos carteiros teña que entrar no domicilio ou leira do elector, así como tampouco nas residencias, pero isto é unicamente un compromiso da empresa e aínda ten que plasmarse no protocolo que agora elaborará o ente.

Así mesmo, os sindicatos consultados piden que se estableza un protocolo de seguridade sanitaria, con equipos de protección (biombos, luvas, xeles e máscaras), así como probas PCR para o persoal de Correos.

"Pedimos instrucións moi claras e específicas", explicou Alberto Hortas, de CSIF. "Demandamos recursos materiais e humanos para facer fronte á carga de traballo e instrucións para evitar as coaccións aos traballadores, que non teñamos que entrar en ningún domicilio nin residencia nin hospital", manifestou Anxo Álvarez, de CIG-Correos.

Neste sentido, José Antonio Pensado, de CC OO, coincidiu en que están "totalmente en contra" de que os carteiros poidan entrar nos domicilios ou residencias das persoas que queiran emitir o seu voto e solicitaron que "non haxa presións para a xente de repartición". Así, pediron "seguridade xurídica e sanitaria", tanto para os traballadores de Correos como para a cidadanía. "É un proceso moi delicado", advertiu.

Xan Xove, de CXT, insistiu en que debe haber unha "contratación de persoal" e apuntou que o voto por correo, sendo unha modalidade "extraordinaria", converteuse na forma preferente na que se chamou ao voto, polo que nin sequera Correos "soubo detallar" cales serían as necesidades da empresa para facer fronte á demanda. "Imos tarde, porque estamos así a un mes e dez días das eleccións", avisou.

Manuel Santiago, por parte de UGT, manifestou que a empresa ten que establecer "garantías e seguridade legal" para a recollida do voto, á marxe da protección persoal con equipos específicos. Do mesmo xeito, mostrouse en contra de que os carteiros excedan o limiar dos domicilios, así como tampouco nas residencias.

Neste caso, avisou de que, ademais da cuestión legal, está a sanitaria, xa que para entrar nun centro da terceira idade hai que ter en conta os protocolos da covid-19 e que os propios carteiros, aos que non se lles fixo a proba, poden ser foco de contaxio estando asintomáticos.

Manuel Santiago tamén manifestou a posibilidade de que as entregas se fagan tomando fotografías con geolocalización para evitar que se poida "negar" que se entregou ou recolleu a documentación. Respecto diso, dixo que este sistema xa está implantado noutros países.

Doutra banda, Anxo Álvarez (CIG) lembrou que o voto por correo divídese en tres fases. Primeiro está a solicitude do voto, daquela a entrega da documentación (de forma certificada) e finalmente o depósito do voto, que pode ser entregado por calquera persoa, "sen necesidade de que sexa presencial".

Pola súa banda, CSIF pediu que a empresa "duplique" a gratificación que os empregados de Correos reciben actualmente por depositar a propaganda e os cartóns censais, unha contía que é de 0,06 euros por propaganda con dirección e 26 céntimos de euro no caso de que non leve domicilio aparellado. Para os que participan no proceso enteiro, hai unha gratificación de 117 euros, que piden duplicar.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Xesús Ateo Recalcitrante

Ou sexa, que tal e como o concebiu a Xunta Electoral e a Xunta de Galicia o voto é manipulable (Cantemos, Música de Paloma San Basilio en "Juntos": xuntas, xuntiñas as dúas, permanentemente xuntas, o amor é amor, e o demais é un calote). Manda a cousa!