Quero ser de Bilbao!

Cando era un cativo xogábamos ao fútbol nos descampados que facían de patio de recreo do Colexio Bayón, en Ribeira, e todos queriamos ser, parecernos cando menos, a Quini, a Satrustegui, a Santillana ou a Iribar (o que tiña a mala sorte de xogar de porteiro), incluso na nosa ousadía suspirábamos por asemellarnos a Johan Cruyff. Soños de nenos.

Por Emilio Martinez | A Coruña | 03/06/2020

Comparte esta noticia

Todos, ao longo da vida, temos como referencia persoas que consideramos que teñen acadado aquelo que nos fáltanos, o que desexamos. A min o de querer ser como algún dos xogadores de sona da miña infancia e adolescencia duroume pouco. Supoño que sería porque tiña un medo terrible a romper as gafas, que uso dende os poucos anos, pero o de correr tras a pelota nunca me animou moito, non axudaba tampouco o patoso que era, e que sigo a ser, ou a miña falta de capacidade para ver as xogadas… o que eu de verdade quería era ler, e niso non abundaban os referentes. Postos.. entre parecerme a Pirri ou ao Corsario Negro tiña poucas dúbidas.

Concentración de funcionarios en la explanada de la Xunta en San Caetano
Concentración de funcionarios en la explanada de la Xunta en San Caetano

Nalgún momento, dos finais dos setenta, rematando a EXB, parecerme a un dos rapaces dos “Pecos”, que causaban estragos entre as miñas compañeiras de escola, si que me tería feito ilusión, pero non foi tampouco algo ao que lle puxera moitas ganas… tampouco a natureza me dotou para ningunha das artes escénicas.

Pasados os anos sigo soñando con parecerme a alguén, por exemplo a Daniel Innerarity, por aquelo da capacidade analítica da realidade política que nos rodea. Canto daría por ter os coñecementos e as mañas para escribir un libro que se parecera a “Política para perplexos”, ou “Unha teoría da democracia complexa: Gobernar no século XXI”, e si se pode combinar iso co físico de Chris Hemsworth, ese pedazo australiano que ten interpretado a Thor ou protagonizado “12 valentes”, que mais se podería pedir!. Iso de mirar sempre a outros vale para as persoas e tamén vale para os países.

Nestas últimas semanas moitos comentaristas suspiraban porque España se parecera un pouco a Portugal na xestión da crise do COVID19, un país que, por outro lado, no imaxinario popular sempre se ten colocado como un pouco por debaixo de España. A moitos gustariamos que este pais no que vivimos se parecera a Noruega ou a Suecia, ou a Nova Zelanda, ou cando menos a aquelo que coñecemos deses lugares, e que valoramos como mellor, moito mellor: a calidade de vida, o civismo, a educación, o respecto pola natureza... . Todos nos queremos parece a alguén. Parecerse aos mossos de escuadra ou aos ertzainas, concretamente no salario, era o que querían dende hai anos os axentes do Corpo Nacional de Policía e os gardas civís.

Ese querer parecerse era moi razoable... a máxima de “a igual traballo igual salario” sigue vixente despois de décadas de loita en distintos ámbitos, e en moitos casos, a pesares dos avances, seguen existindo brechas importantes: a diferenza de salarios das mulleres cos homes, en postos equiparables, sobre todo na empresa privada, sigue a ser unha penosa realidade, que as estatísticas reflicten ano tras ano. As diferenzas de salarios entre as distintas forzas de seguridade que existen en España non tiñan xustificación. Os datos manexados polos sindicatos policiais e asociacións de gardas civís falan de que podía chegar aos 20.000 euros anuais... por realizar cometidos semellantes.

Con esta realidade en mente pouco pode obxectarse ao acordo que en 2018 o ministro do Interior, Juan Ignacio Zoido, acadou para equiparar os salarios no prazo de tres anos. Hai un días, Grande-Marlaska, con pouco sentido da oportunidade, anunciou que será agora, e con efectos do 1 de xaneiro, cando se realice a última e pendente subida que completará a equiparación entre corpos. Como non poucas veces un acto de xustiza visibiliza outras situacións de inxustiza. Equiparación salarial de policías e gardas civís con mossos e ertzainas... pero que pasa cos funcionarios da Administración Xeral do Estado respecto aos funcionarios da administración vasca ou catalana?. Ou mesmo que pasa entre funcionarios doutras administración autonómicas, como a galega, respecto aos de comunidades como Asturias, por citar unha cun nivel de desenvolvemento económico parello a Galicia?.

Un funcionario da Administración Xeral do Estado, grupo C2 nivel 18, un auxiliar administrativo, ten un salario bruto anual de arredor de 18.000 euros… o mesmo funcionario, traballando para a Administración vasca, vería como as súas retribución anuais elevaríanse ata os 25.000 euros… si traballara para a administración autonómica asturiana o crecemento non sería tan importante, pero sumaría mais de 5.000 euros anuais á súa nómina. Estas diferenzas amplíanse a medida que subimos de grupo de adscrición, entre un administrativo da AXE e un da administración vasca a diferencia é de mais de 10.000 euros, e si comparamos un funcionario do Estado da grupo A1, nivel 28, co seu homólogo prestando servizos para a Generalitat catalana a diferenza é de 20.000 euros anuais…

O caso galego merece un comentario. Os funcionarios da Xunta de Galicia están entre os peor pagados entre todas as administracións autonómicas: un grupo A1 nivel 28 andaluz ou asturiano lévase ao peto, ao ano, case 8.000 euros mais que un galego. Núñez Feijoo adoita, sobre todo cando as campañas electorais están perto, desfacerse en eloxios aos traballadores públicos galegos… pero con pouca repercusión no pecunio e mesmo mantendo situacións de precariedade en sectores prioritarios… nestas pasadas semanas puidemos ver como se trata a unha boa parte do persoal da sanidade pública…

Os eloxios do noso presidente son un falar tan barato. Voltando aos baixos salarios do persoal da Administración Xeral do Estado, denunciados unha e outra vez polas organizacións sindicais, e que supoñen unha inxustiza evidente para os funcionarios e persoal laboral da mesma, as causas teñen distintos orixes: unha menor capacidade de negociación polas organizacións sindicais e sobre todo un desinterese evidente dos responsables políticos polo funcionamento da propia administración pública, que para o Partido Popular, as dúas lexislaturas de José María Aznar, os seis anos de Mariano Rajoy, é un inimigo a bater. Uns baixos salarios conlevan dificultades tanto para captar como para reter talento. Calquera persoa que teña interese en traballar para a administración pública terá como opción preferente a administración autonómica ou a local, con mellores condicións, non só salariais.

E en moitos casos aqueles que optan pola Administración Xeral do Estado, e conseguen o posto, tan pronto teñan unha oportunidade tentarán dar o salto a outra administración. A dificultade para reter ás persoas con maior experiencia faise evidente en corpos especializados, como os inspectores de facenda ou os avogados do Estado, profesionais desexados nos bufetes e consultoras privadas. Eses baixos salarios na Administración Xeral do Estado, que en boa parte se concentra hoxe por hoxe, nas sedes centrais dos ministerios en Madrid, ten outro efecto que se volta perxudicial para poder contar cunha administración do Estado sensible á realidade plurinacional na que vivimos.

Os baixos salarios, e os prezos desorbitados da capital en materia de alugueres, conxúganse para que quenes ocupan postos nas sedes dos ministerios sexan na súa inmensa maioría persoas de orixe madrileño ou afincadas nesa cidade… aqueles funcionarios doutras comunidades autónomas que teñen que optar por Madrid, por non ter outra opción, teñen sempre como meta a volta, canto antes mellor, ao seu lugar de orixe… simplemente por supervivencia… incluso para un funcionario, cun salario garantido, os prezos madrileños o obrigan a vivir como un estúdiante universitario ou a buscar aloxamento na periferia da cidade, cos conseguintes desprazamentos de horas e horas.

A visión imperante na administración do Estado non é entón unha visión na que na súa conformación participen persoas de diferente procedencia, que podan reflictir na mesma unha realidade complexa… a visión é centralista porque simplemente non pode ser doutro xeito… falta experiencia vital, falta diversidade, falta pluralidade entre quenes se encargan de formular tecnicamente as políticas e executalas despois. Entre os moitos retos aos que se enfronta este país no futuro un que non debería seguir pospoñéndose é a necesaria reformulación da Administración Xeral do Estado, tanto no referente ás condicións salariais do seu persoal como a necesidade de que esta se adapte, de verdade, á organización do estado autonómico. Dende unha perspectiva progresista defender o sector público pasa por defender unhas condicións salariais que garantan que existe un incentivo económico para que os mellores se interesen polo servizo público, un sistema retributivo que contribúa a captar e reter talento ao servizo da sociedade.

O Estado non son só policías e gardas civís. Mellorar as condicións salariais do persoal da AXE é de xustiza, non facelo esixe moitas explicacións. Esixe moitas explicacións, tamén, xustificar os niveis salariais dos funcionarios da administración galega… seguro que Núñez Feijoo, sempre tan creativo, é capaz de facelo… seguro que nos convence.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Emilio Martinez (Ribeira, 1965). Entre os anos 1998 e o 2005 foi presidente da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento. Na actualidade forma parte do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento como experto independente. Licenciado en Ciencias Económicas a súa carreira profesional está ligada, na súa meirande parte, a diversas administracións públicas, como a Universidade de Vigo, na que foi vicexerente de Recursos Humanos, a xerencia da Sociedade Galega para o Desenvolvemento Comarcal, o concello de Lugo ou a Universidade de Santiago de Compostela, na que actualmente é director de área, no ámbito, logo de exercer en distintos períodos como técnico superior de Xestión no ámbito da I+D+I ou vicexerente no campus de Lugo. Ten colaborado en distintas publicacións como “A Nosa Terra”, “Tempo Exterior” ou a “Revista Galega de Emprego”.