Historias de defensa do galego fóra das fronteiras, de quen nos quere desde o lonxe

Chegan desde Catalunya e desde a Arxentina palabras de esperanza e reivindicacións xustas para o galego; e veñen contadas cos máis bonitos acentos cataláns e arxentinos sobre a nosa lingua.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/06/2020 | Actualizada ás 22:05

Comparte esta noticia

O cancelo #Querémolo leva uns cantos días percorrendo as redes. Quen o impulsa son estudantes da lingua galega en Catalunya e o que queren é que a Xunta de Galicia realice probas para a obtención do Certificado de Estudos de Lingua Galega (CELGA) fóra dos límites territoriais de Galicia e "máis alá de Ponferrada". En ben pouco tempo, a iniciativa, que pode seguirse na conta @Instaengalego da man de Carlos Vieito, traspasou fronteiras ata chegar mesmo á Arxentina ou ao Reino Unido, onde tamén viven persoas que se sentiron identificadas con esta reivindicación e que demandan a posibilidade de examinarse de lingua galega sen ter que desprazarse a Galicia. 

Alumnado catalán de lingua galega na cooperativa Aula d'Idiomes
Alumnado catalán de lingua galega na cooperativa Aula d'Idiomes | Fonte: @instaengalego

Poder acreditar o coñecemento dun idioma en calquera parte do mundo é unha reivindicación que vai moito máis alá de conseguir un título. Trátase de valorar, de prestixiar, de poñer o galego ao mesmo nivel ca o resto das linguas. Detrás desta teima que vén de ver a luz a través das redes sociais hai verdadeiras historias de amor polo noso idioma que chegan dende a outra punta do Estado e dende o outro lado do Atlántico. Todo comezou uns cantos anos atrás, cando Carlos Vieito aterrou en Catalunya co seu nivel de catalán acreditado dende Galicia polo Institut Ramon Llull. "Nese momento vin o valor e o potencial que ten que unha lingua se poida acreditar fóra, mesmo para buscar traballo. Sábeme mal que haxa que pagar por títulos, pero é certo que o prestixio das linguas tamén pasa por aí".

Morrera o conto ata que pouco despois, e por casualidades e querenzas da vida, comezou a compoñerse en torno á cooperativa Aula d'Idiomes, situada nos barrios de Sants e Gracia, un pequeno grupo de seis alumnas catalás interesadas por aprender o galego. Con Carlos Vieito como profesor, a aula foi medrando ata formar varios niveis e un grupo de intercambio galego-catalán. "Puxémonos unha meta: tirar o CELGA e viaxar a Galicia de excursión", conta o profesor. Axiña bateron cunha morea de trabas: "As datas dos exames publícanse con moi pouca antelación, un mes ou 15 días; e se vives en Barcelona ou Londres, comprar un voo con tan pouca marxe sae por un ollo da cara, ademais do aloxamento e dos problemas laborais que xera", relata Vieito. E de aí naceu #Querémolo.

AMOR Á LINGUA

Se ben anteriormente o galego si podía acreditarse en Barcelona - "hai moitísima xente que realizou o exame naquela época en que existía a posibilidade" -, agora é practicamente inviable se non vives en Galicia. "A Xunta pono moi difícil. Vemos que non promove o suficiente a aprendizaxe do galego e por iso pedimos que se mova!". Quen fala é Jesica, unha rapaza de 34 anos, catalá de nacemento pero con raíces 100% galegas e estudante da Aula d'Idiomes. Toda a súa familia é lucense - a nai de Sarria, o pai dunha aldea de Baralla... -, e marcharon cara a Barcelona con apenas 18 anos. Jesica e mais a súa irmá xa naceron alá, escoitaron o galego na casa e cada verán que regresaron, pero falalo e escribilo era outro cantar, por iso Jesica se uniu a este grupo de aprendizase en outubro. "Procuro a supervivencia da fala; na nosa man está fomentala", reivindica.

O alumnado que se xuntou ao redor destas aulas é do máis heteroxéneo, hainos que teñen algún vínculo familiar ou sentimental co país e hainos que simplemente o adoran e "ven a lingua como outra característica máis á que querer para entender mellor un pobo", conta Vieito, que estivo á fronte das clases ata hai pouco. "O principal motivo que tiñan para estudar galego era o amor. Sempre lembrarei unha anécdota que me chegou ao fondo da alma: un alumno catalán que acababa de ser pai e se apuntou a galego para ensinarllo á cativiña. A súa muller era descendente de galegos, pero xa non o sabía falar. El foi quen se encargou de aprenderllo á filla". 

POR UN GALEGO VIVO

Max, pola contra que Jesica, achegouse ao galego sen vínculo previo ningún. El é de Corbera de Llobregat, "unha vila chea de árbores, montañas e xabaríns ao carón de Barcelona". Cun coidado galego, estoutro alumno explica que este é o primeiro ano no que estuda o idioma regularmente, mais a súa andaina coa lingua xa comezou no derradeiro ano da carreira de Filoloxía Catalá a través dunha materia optativa de lingua galega e xénero. Con ela mergullouse no galego e descubriu a cultura deste país, do que non volveu desprenderse. Ese mesmo verán visitou Galicia nun dos cursos de Galego sen Fronteiras organizados pola Real Academia Galega (RAG). "Descubrín paisaxes inmensas, namorei dos solpores profundos e fixen amizades marabillosas". Á volta, "alén do romanticismo", decidiu continuar os estudos "por unha cuestión política de respecto á diversidade lingüística".

O seu compromiso pasa por non deixar que as linguas desaparezan "a causa da globalización". "Calculan que a metade delas morrerán de aquí a cen anos. Hai ao redor de 6.000 linguas e uns 200 estados. En todos existe unha ou máis linguas imperantes, e outras moitas subxugadas. Se os gobernos non queren mantelas, temos que facelo os cidadáns", explícase. E para iso mesmo, "hai que ir xustamente en contra da homoxeneización lingüística, hai que loitar para que as linguas minorizadas, como o catalán e o galego, sobrevivan á voracidade aniquiladora da globalización e dos estados nación; porque cada vez que morre unha lingua morre un factor de cohesión dun pobo, un xeito de pensar e de dicir o mundo", sentenza Max.

Froito desta loita, Max propuxo, como profesor na Educación Secundaria, poder ofrecer ao seu alumnado unha materia ao redor da cultura galega. Botou a andar a iniciativa e a acollida foi tan boa que mesmo xuntou máis alumnas que as aulas de alemán e de francés. Agora, el xunto con outros cantos profesores están traballando na recuperación do finado proxecto Galauga da UB. A través del consegue dar unha hora semanal de lingua e cultura galegas no ensino catalán, "sempre coa finalidade de promover o respecto pola lingua nos máis novos". 

DESDE O OUTRO LADO DO OCÉANO

Tamén por eles, por toda esa xeración futura, é importante reivindicar o #Querémolo e dar o toque de atención: "Ei, que o galego non é só da Xunta; é de todas, e todas debemos ter o dereito de facer un exame en galego, para darlle a visibilidade e a dignificación que agora non ten", remata Max. Cando o alumnado catalán xunto con Carlos Vieito impulsaron esta campaña non pensaron que fose traspasar fronteiras, pero deron con xente doutros puntos do mundo que se atopaban co mesmo desexo de acreditar o CELGA e cos mesmos impedimentos para facelo.

Unha das mensaxes que recibiron nestes días chegou da Arxentina, máis concretamente da cidade de Córdoba, na provincia do seu mesmo nome. O seu remitente era Emanuel, un rapaz zapateiro de profesión e fillo de pai e de avós maternos emigrantes galegos. "Eu tamén quero facer o CELGA pero atopo moitos problemas", relata. Se estando preto de Galicia xa é difícil, máis aínda desde o outro lado do océano. Emanuel nunca perdeu a conexión co país dos seus antergos. "Toco a gaita, traballo na Casa de Galicia en Córdoba, leo en galego, o 80% da música que escoito é en galego", fala ao teléfono, a miles de quilómetros de Galicia, cun galego tinguido de acento arxentino. "Na miña casa non temos cuchillos, temos coitelos; ás veces temos ollas e outras moitas temos potas...". 

Se ben coidou a súa vinculación co galego desde sempre, foi hai un mes cando deu co Portal da Lingua Galega e empezou a aprendelo con detalle. "Dixen: 'o luns comezo!', e o luns comecei!". E con esta naturalidade e boa disposición, Emanuel vai facendo os seus propios apuntamentos de galego de maneira autodidacta. Ao longo da súa vida fixo tres viaxes a Galicia, unha delas co seu pai, tamén zapateiro, que regresaba por primeira vez 45 anos despois de emigrar desde Vilalba. "Galicia é parte da miña cultura, entón entendín que se quero permitila teño que falar galego".

Emanuel súmase á reivindicación do CELGA porque "calquera movemento pola nosa lingua é importante" e porque se trata dunha "cuestión de igualdade". "Eu tamén son galego tanto coma os que viven en Galicia. É unha maneira de que nós poidamos acreditar que tamén sabemos, é unha maneira de sentirnos completos". 

Son loitas xustas e xenerosas por un futuro de mil primaveras máis para a nosa lingua.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

4 Pilarsente

Reivindico recordo de Sabela Labraña , galega professora de la UB, que hizo una gran labor para q el galego se estudiase n Barcelona

3 Gamela

Máis alá da cuestión dos Celga on line temos unha cuestión motísimo máis grave, o futuro da educación pública nas mans da Señora de Neguri Isabel Celaa (?) Todo un mundo disfrazado de seguridade sanitaria (?) https://twitter.com/00Gamela/status... ¿Cando despertemos o mundo será outro moi distinto, democracia on line só para ricos?

2 Viriatus

Atentos a la próxima convocatoria de subvenciones.

1 Gamela

Chegaremos a falar galego antes na Patagonia que en Vigo ? Non é unha pregunta retórica é unha reflexión en voz alta ! Querémolo Certificado (?)