Gonzalo Caballero compromete unha Consellería de Igualdade

O socialista considera que Feijóo "fracasou" na xestión de políticas de conciliación.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/06/2020 | Actualizada ás 16:58

Comparte esta noticia

O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, comprometeu a posta en marcha dunha Consellería de Igualdade con "amplas competencias" que permita garantir a saída da crise "apoiando as mulleres".

Caballero fixo este anuncio nun comunicado tras manter este mércores nun encontro coa presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, á que presentou como "referente das políticas de igualdade e da defensa das galegas ante situacións de crises".

Para o secretario xeral do PSdeG as políticas progresistas son "máis importantes que nunca" en momentos de crises, e sinalou a "falta de medidas de conciliación importantes" desde o Goberno que preside Alberto Núñez Feijóo.

Gonzalo Caballero dixo que Feijóo "fracasou" na xestión destas políticas, porque "non toma decisións importantes sobre escolas infantís, residencias de maiores ou centros escolares", así como en "tantos ámbitos de conciliación nos que as mulleres teñen un peso maioritario".

O candidato socialista cre que a cidadanía de Galicia o próximo día 12 de xullo se xoga "o futuro entre dúas grandes opcións: os recortes, o retroceso e a inacción da dereita de Feijóo fronte a un bloque progresista encabezado polo PSdeG cunha aposta clara pola política social, a defensa da sanidade pública e a reconstrución económica sen que ninguén quede atrás".

O líder dos socialistas galegos apostou por un "gran pacto de reconstrución" do que participen as forzas políticas, os axentes sociais e as administracións territoriais como son os concellos e as deputacións.

Neste sentido, citou á presidenta da Deputación de Pontevedra como un "exemplo de como gobernar en tempos de crises para defender os intereses da cidadanía".

Pola súa banda, Carmela Silva reivindicou o papel dos entes locais á hora de pór encima da mesa "os recursos que de verdade chegan á xente", e destacou que, "fronte á ausencia da administración autonómica, foron as deputacións e os concellos os que atenderon a cidadanía con problemas de alimentación, hixiene ou educativos".

Por último, a presidenta provincial reclamou un fondo dotado de 300 millóns de euros que permita ás entidades locais seguir cubrindo as necesidades da cidadanía cando finalice o estado de alarma.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, en Pontevedra. PSDEG
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, en Pontevedra. PSDEG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Parece que xa temos Conselleira de Igualdade ? O que non sabemos é se seguirá bloqueando as contas da cidadanía ou daquela enviará directamente á Garda Civil ao domicilio do disidente (?) https://twitter.com/00Gamela/status... Neolibelalismo de Corredoira https://www.google.com/maps/d/viewe... Pero os negocios son para os seus AMIGOS !