Veciños da comarca de Bergantiños sentiron o terremoto, que provocou un estrondo nas casas

O sismo, de magnitude 3, tivo o epicentro en Tordoia.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 04/06/2020 | Actualizada ás 00:40

Comparte esta noticia

A comarca de Bergantiños experimentou a última hora de onte un fenómeno pouco habitual no territorio, pero cada vez máis común co paso dos últimos anos. Un sismo con epicentro situado entre Tordoia e Ordes sorprendeu os veciños destes municipios, que sentiron o tremor mentres se atopaban nas súas casas.

Rexistrado un terremoto de magnitude 3 con epicentro en Tordoia (A Coruña). INSTITUTO XEOGRÁFICO NACIONAL
Rexistrado un terremoto de magnitude 3 con epicentro en Tordoia (A Coruña). INSTITUTO XEOGRÁFICO NACIONAL | Fonte: Europa Press

O terremoto, de magnitude 3 na escala de Richter e catro quilómetros de profundidade, deixouse sentir levemente sobre as 23,18 horas en varias localidades, como Carballo, Tordoia, A Laracha, Ordes e Arteixo, nalgúns casos con intensidade 4, segundo os datos do Instituto Xeográfico Nacional (IGN).

O Goberno local de Tordoia difundiu a noticia a través das súas redes sociais, e numerosos habitantes de Tordoia e municipios limítrofes compartiron a súa experiencia nos seus perfís de Facebook e Twitter.

Veciños deste municipio aseguraron que o terremoto "se escoitou moi forte" e que "tremeu o chan un pouco" despois de escoitar un ruído ou un estrondo.

Outro dos puntos de maior intensidade foi A Laracha. Álex, veciño do municipio, relatou a Europa Press a súa experiencia co sismo que axitou a súa vivenda, situada nunha aldea a un tres quilómetros do centro urbano.

"Escoitei unha combinación entre o ruído dunha explosión afastada e un tremor, como cando pasa maquinaria pesada pola estrada", explicou, momento no que se decatou do que estaba a ocorrer.

O tremor "non foi moi forte, foi tenue", pero de suficiente intensidade como para ser algo "rechamante" e identificable e para alertar habitantes da zona, que comezaron a chamarse entre si para comentar o sucedido.

Noutra casa, a uns 500 metros, sobresaltáronse "bastante" ao escoitar o ruído, posto que pensaron que se escaparon os animais que teñen na súa propiedade.

Maria José, veciña da parroquia de Lemaio, trasladou que tamén se sentiu este fenómeno na súa casa. Nun principio pensaba que se trataba dun trono ou unha treboada, pero o seu marido si sentiu o tremor nos cristais da vivenda.

Nunha casa veciña, o terremoto fixo tremer os cubertos e os coitelos que tiñan na mesa, e xente doutras parroquias tamén chegou sentir o sismo.

INTENSIDADE EN AUMENTO

A situación quedou na anécdota e o terremoto non provocou danos de ningún tipo, aínda que si se converteu na noticia do día para os municipios da comarca.

O sismo sentiuse tanto en Tordoia como en zonas como Abegondo, Oleiros e Ordes, e algúns dos seus habitantes chegaron a percibilo con intensidade 4.

Galicia sitúase nunha zona con sismicidade de baixa a moderada, segundo o Instituto Xeográfico Nacional, aínda que o catálogo histórico conta con precedentes destacables e localizados no Oceáno Atlántico e Mar Cantábrico, como os de 1783 e 1899 (con intensidade menor de 7) e outros terremotos próximos á costa de intensidade 7, como os de 1909 en Viana do Castelo (Portugal), 1910 no Ferrol e 1920 en Pontevedra.

Precisamente, a intensidade e magnitude destes fenómenos viuse incrementada nos últimos anos, con máis de 30 sismos na provincia desde 2017.

O pasado 17 de maio rexistrouse de madrugada un terremoto con epicentro en Frades, de magnitude 3 e intensidade 2, que se sentiu en puntos como O Pino, Ordes, Oroso, Betanzos, Oza-Cesures, Tordoia, Carral, A Baña, Santiago de Compostela, Lugo e Outeiro de Rei.

En abril producíronse outros tres sismos, con epicentro nos municipios da Gudiña (Ourense), Dozón (Pontevedra) e Taboada (Lugo). O segundo deles foi o de maior intensidade, con magnitude 2 a un quilómetro de profundidade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta