A entrada de asuntos nos órganos xudiciais galegos baixou un 50% desde o inicio do estado de alarma

Presentáronse 34.391 procedementos principais, fronte aos case 70.000 do pasado ano.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/06/2020 | Actualizada ás 12:58

Comparte esta noticia

Os órganos xudiciais galegos rexistraron un 50,4% menos de escritos iniciados de procedementos entre o 14 de marzo, día no que se declarou o estado de alarma, e o 2 de xuño, en comparación coas mesmas datas do ano anterior.

Diso informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) nun comunicado, no que lembra que desde o día 14 ata este xoves suspendéronse os prazos procesuais con motivo da crise sanitaria da COVID-19.

En total, entre esas datas presentáronse 34.391 procedementos principais e recursos que deron comezo a causas, fronte aos 69.470 de 2019. Ademais, os xulgados das sete cidades galegas contabilizaron 22.081 documentos de inicio de asuntos, mentres que no mesmo período de 2019 recibiron 44.905, un 50,8% máis.

En concreto, na Coruña presentáronse 6.398, un 43,46% menos que o ano anterior; en Vigo, 4.924, un 59,9% menos; en Pontevedra, 2.514, un 47,36% menos; en Ourense, 2.490, un 51,7% menos; en Lugo, 2.222, un 49,4% menos; en Santiago, 2.081, un 50,8% menos; e, en Ferrol, 1.452, un 46,46% menos.

Así mesmo, nas audiencias provinciais o comezo de procedementos descendeu un 77,3%, pois en 2019, entre o 14 de marzo e o 2 de xuño, presentáronse 3.473, fronte aos 786 deste ano. Deste xeito, na da Coruña iniciáronse 280 causas; na de Pontevedra, 245; na de Lugo, 139; e, na de Ourense, 122. Nos xulgados dos pobos os escritos iniciadores diminuíron un 43,6%, ao pasar de 8.104 a 4.570.

RESOLUCIÓNS

O TSXG tamén explicou que os órganos xudiciais de Galicia notificaron este ano 31.287 resolucións que pon fin a procedementos entre o 14 de marzo e o 2 de xuño, das que 15.363 foron providencias; 6.090, sentenzas; 5.542, autos; 4.157, decretos de finalización de casos; e 135, outras resolucións finais.

En total, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) notificou 880 resolucións; as audiencias provinciais, 3.150; e os xulgados das sete, 19.796, das cales 4.851 corresponden a Vigo;4.746, á Coruña; 2.734, a Pontevedra; 2.305, a Santiago; 2.252, a Lugo; 1.779, a Ourense; e 1.129, a Ferrol. Pola súa banda, os dos pobos comunicaron 7.461 resolucións coas que se pecharon casos.

Xulgado de Instrución número 2 de Tui (Pontevedra). EUROPA PRESS-FÁTIMA SOUTO - Arquivo
Xulgado de Instrución número 2 de Tui (Pontevedra). EUROPA PRESS-FÁTIMA SOUTO - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta