Un estudo en hospitais galegos relaciona o uso da heparina cunha menor mortalidade en pacientes con Covid-19

Aumenta o interese científico no uso deste fármaco anticoagulante na loita contra o coronavirus. O propio Ministerio de Sanidade recomenda a súa administración en embarazadas con Covid-19.

Por Galicia Confidencial | Madrid | 05/06/2020 | Actualizada ás 12:29

Comparte esta noticia

A heparina é un fármaco anticoagulante utilizado principalmente para previr e tratar a trombose venosa. Recentemente, sumouse á lista de medicamentos que se están utilizando para tentar combater ao coronavirus SARS-CoV-2 en pacientes ingresados. Un novo estudo realizado en España en 17 centros do grupo HM Hospitales –incluídos os que ten en Galicia– relaciona a subministración da heparina con menores taxas de mortalidade en enfermos con Covid-19.

Heparina
Heparina | Fonte: Sixflashphoto - Wikimedia.

O estudo foi realizado por investigadores adscritos á Universidade Queen Mary e o King’s College de Londres, ademais do Hospital HM Sanchinarro de Madrid, que analizaron datos clínicos de 2.075 pacientes con Covid-19 ingresados en 17 hospitais das provincias da Coruña, Pontevedra, Barcelona, León, Madrid e Toledo, entre o 1 de marzo e o 20 de abril de 2020.

Deses pacientes, 301 morreran, 1.447 foran dados de alta dos hospitais, 201 seguían ingresados e 126 foran transferidos a hospitais non incluídos no estudo. E do total, a  heparina utilizouse en 1.734 pacientes.

O que atoparon nas súas análises é que “a heparina se asociu cunha menor mortalidade” cando se axustou o modelo utilizado por idade e sexo dos pacientes. Esta asociación entre o anticoagulante e unha menor mortalidade “mantívose significativa” cando o nivel de saturación de osíxeno nos pacientes estivo por baixo de valores normais (por baixo do 90%) e mostraban febre, e tamén cando se incluíron como variables outros medicamentos subministrados.

En base aos seus resultados, os autores do estudo conclúen que “a administración de heparina se asocia cunha menor mortalidade en pacientes ingresados con Covid-19”, algo que consideran que debe ser tido en conta pola comunidade médica.

Na súa opinión, “o efecto positivo da heparina parece consistente e o seu uso, cando estea indicado, podería considerarse en contornas clínicas”. Tamén consideran que, dado que “a heparina é fácil de administrar”, o seu “uso en pacientes ambulatorios” podería “servir para previr ingresos ou reducir a súa duración”.

MÁIS ESTUDOS E RECOMENDACIÓNS DAS AUTORIDADES

Xa en xaneiro pasado, a Organización Mundial da Saúde (OMS) recomendou previr o  tromboembolismo venoso en pacientes infectados con SARS-CoV-2 recorrendo á inxección de heparina, preferiblemente con baixo peso molecular.

Desde entón, o interese científico na heparina foi crecendo a medida que a pandemia foi progresando. En abril, por exemplo, a Axencia Italiana de Medicamentos (AIFA) autorizou o inicio dun estudo multicéntrico con heparina para o tratamento de pacientes con cadro clínico moderado ou severo de Covid-19. O obxectivo: avaliar a seguridade e eficacia deste fármaco.

Un estudo tamén recente realizado pola Universidade Federal de Sao Paulo (Unifesp) coa colaboración de científicos ingleses e italianos concluíu que a heparina podería deter ata nun 70% a entrada do novo coronavirus nas células.

Os resultados foron divulgados pola Fundación de Apoio á Investigación do estado de Sao Paulo (Fapesp). Segundo os autores do estudo, este medicamento, ademais de combater os trastornos da coagulación que poden afectar os vasos pulmonares e a osixenación, parece ter a capacidade de “dificultar” a entrada do SARS-CoV-2 nas células.

A mediados de maio, o Ministerio de Sanidade español publicou un documento no que aconsella o tratamento con heparina en embarazas con Covid-19. Desta forma, Sanidade adoptou as recomendacións emitidas a finais de marzo pola Sociedad Española de Trombosis y Hemostasia (SETH).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta