O BNG denuncia ante a Junta Electoral Central a recomendación de levar o voto desde a casa

A formación nacionalista faino logo de que a Xunta Electoral galega rexeitase a denuncia por considerar o BNG que atentaba contra a pluralidade democrática.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/06/2020 | Actualizada ás 14:40

Comparte esta noticia

O BNG elevou un recurso ante a Xunta Electoral Central (JEC) despois de que a Xunta Electoral galega rexeitase unha denuncia contra a recomendación da Xunta de levar o voto preparado desde o domicilio nos comicios autonómicos do 12 de xullo.

Nunha rolda de prensa celebrada este venres, a coordinadora de campaña do Bloque, Goretti Sanmartín, explicou que a formación frontista considera que a recomendación, recollida no protocolo elaborado pola Administración autonómica para a xornada de votación do 12 de xullo, "atenta contra a pluralidade democrática e o principio de igualdade" entre as forzas.

"Esta recomendación provoca medo e desconfianza nos votantes, cando o principal empeño da Administración debe ser garantir a seguridade dos colexios electorais. A administración non ten que asustar senón garantir que os locais electorais son lugares de confianza para o desenvolvemento da xornada electoral", manifestou.

Ademais, Sanmartín tamén sinalou que este consello "supón unha discriminación que penaliza" ás forzas políticas "con menor capacidade económica" ao ter máis dificultades para facer chegar a súa papeleta aos fogares a través do correo. Neste sentido, lembrou que o BNG lanzou unha proposta para realizar un 'mailing' conxunto de todas as candidaturas pero topouse con "a resposta negativa" do PP.

Outro dos argumentos sobre os que descansa o recurso presentado polo BNG é o dereito ao que se acollen miles de electores de non recibir propaganda electoral nas súas casas. Isto, combinado coa "práctica imposibilidade" de distribuír material nas rúas durante esta campaña, "contradí a recomendación" da Xunta, expuxo Sanmartín.

ARQUIVADA POLA XEG

Na resolución que, con data de este 4 de xuño, subscribe a Xunta Electoral de Galicia, alúdese ao carácter "non xurídico" da recomendación e subliña que o consello de levar o voto preparado de casa non é "vinculante" senón "voluntario" para os electores, tendo en conta que "non ten forza xurídica obrigatoria".

"Trátase dunha recomendación no contexto que se enmarca o protocolo referido ás medidas preventivas por razóns de saúde pública singularizadas fronte á COVID-19 compatibles en todo caso coa máxima seguridade de higiente, limpeza e outras medidas nos locais electorais. En suma, enmárcase na finalidade de posibilitar o desenvolvemento da xornada electoral en compatibilidade coa saúde pública", esgrime.

Así mesmo, a resolución da xunta electoral galega argumenta que "non cabe inferir desta recomendación" para os electores a vulneración do principio de igualdade e pluralismo político de quen concorren ao proceso electoral en curso, "máxime polas razóns expostas na reclamación por ter o 'mailing' electoral para as forzas políticas e a baixa na recepción de propaganda electoral para os electores o mesmo carácter voluntario". A resolución deixaba a opción de recurso ante a JEC, paso que agora dá o BNG.

VOTO POR CORREO

Tamén este venres, a responsable da campaña da formación nacionalista valorou que a xunta Electoral tombase a pretensión da Xunta de que se permitise a "clave administrativa 365" como vía para solicitar o voto correo, unha canle para a emisión do sufraxio que se flexibilizou para esta cita coas urnas, o que esperta receos nas filas do BNG.

"O voto por correo é unha opción excepcional para persoas con impedimentos para acudir ás urnas na xornada electoral e pretender que sexa masivo supón cambiar as regras do xogo e alterar características básicas do procedemento electoral", incidiu Sanmartín, que advirte da posibilidade de que, ante as medidas extraordinarias autorizadas, "unha soa persoa poida votar por cen ou mil persoas".

E é que, segundo explicou, no caso de que o cidadán que recibe a documentación do funcionario de Correos non emita o seu voto nese momento, "ábrese a porta" a que un terceiro "poida manipular ese sufraxio" e depositalo máis tarde nunha oficina postal "sen que sexa necesaria ningunha identificación".

"Que garantías hai de que ese voto chegue a destino sen ser manipulado?", preguntouse a tamén portavoz do BNG en Santiago, que reclamou medidas para garantir o dereito a voto dos residentes temporais no exterior --ERTA-- e os mariñeiros en frota de altura, colectivos que, en cada proceso electoral, teñen dificultades para "un dereito básico" como a participación democrática.

A coordinadora de campaña do BNG e portavoz en Santiago, Goretti Sanmartín, en rolda de prensa. BNG
A coordinadora de campaña do BNG e portavoz en Santiago, Goretti Sanmartín, en rolda de prensa. BNG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

3 Sentidiño

Este é o nivel dos xefes da xustiza galega, un modelo para os tribunais de oposicións da Deputación de Ourense. Parabéns á Ciug e ao profesorado galego: as probas da ABAU son moitísimo máis garantistas.

2 Gamela

Vaia por diante que estou a favor do voto en urna (en papel) pero nesta ocasión sería un bo momento para facer a proba co voto por correo con certificados dixitais de fácil acceso (Cl@ave) // Pero o tema ten interese máis alá do Xullo 12 // Suiza está traballando cunha empresa quebrada https://www.swissinfo.ch/spa/politi... mentras é a ultradereita a que presenta moratorias para o voto electrónico // Suiza prevé facer unha proba de voto electrónico a traves da súa oficina de Correos a partires do 2021 (?) https://www.post.ch/it/soluzioni-co... Aquí os únicos votos electronicos que están en vigor sonche os de PODEMOS que teñen resultados sorprendentes 93% a prol dos Caudillos Pablo & Irene (?)

1 Gamela

Bueno, sen esquecer que o RECONTO leva anos nas mans de INDRA (sempre disposta a chupar contratos sustanciosos en armamento e demáis componentes tecnolóxicos) ? Diso Goretti seica non fala... parécelle todo correcto ?

1 Gamela

No caso do certificado Cl@ve non comprendo cales son as reticencias (?) Se é válido para facer a Declaración da Renda non vale para solicitar o voto por Correo (?) Deste xeito non terían que saída da casa para nada, e poderían entregar o voto ao mesmo carteiro que lle entrega o material certificado (?) Unha lástima que a JEC non contemple a modernización do sufraxio en Galicia ! Este sistema podería ser tamén válido para os votantes CERA (ou non) ?