O Supremo avala o decreto da Xunta para regular as vivendas de uso turístico

Dáse por desestimado o recurso de casación interposto pola Administración Xeral do Estado e a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) contra o fallo do TSXG. O Goberno galego celebra a decisión do alto tribunal.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 05/06/2020 | Actualizada ás 16:33

Comparte esta noticia

O Tribunal Supremo ratificou a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), ditada o 14 de febreiro de 2018, na que o alto tribunal galego avalaba o decreto que aprobou a Xunta en 2017 para regular as vivendas de uso turístico.

Imaxe dun piso turístico ofertado na plataforma de Airbnb
Imaxe dun piso turístico ofertado na plataforma de Airbnb | Fonte: Airbnb

En concreto, segundo a sentenza da Sala III do Supremo, dáse por desestimado o recurso de casación interposto pola Administración Xeral do Estado e a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) contra o fallo do TSXG.

O Supremo ditou unha primeira sentenza sobre este asunto o 21 de outubro de 2019, que si estimou parcialmente o recurso do Estado e da CNMC e anulaba dous artigos (o 4.2 e o 5.1, primeiro parágrafo, segundo inciso) do decreto.

Con todo, a Axencia de Turismo de Galicia expuxo incidente de nulidade contra esa sentenza do Supremo por entender que non tivera en consideración a Lei 7/2011, de 27 de outubro, de Turismo de Galicia, o que foi estimado pola Sala en decembro de 2019, declarando nula a sentenza anterior. Anulado o fallo ditado no seu momento, procedía agora ditar un novo.

En concreto, os artigos do decreto inicialmente considerados non conformes a dereito referíanse á exclusión que fai o decreto da cesión da vivenda por habitacións. O alto tribunal entende agora que esa restrición regulamentaria conta cun expreso apoio legal, xa que non na Lei de Arrendamentos Urbanos, si na propia lei galega de turismo.

ARGUMENTOS DA XUNTA

A sentenza recolle que a Xunta destacou, en relación co artigo 65.2 da lei galega, referido ás vivendas turísticas, que o precepto --e, en consecuencia o regulamentario impugnado na instancia-- "non prohibe a cesión por habitacións, senón que a exclúe da normativa sectorial de ordenación do turismo".

Isto é, que o titular dunha vivenda "sempre podería arrendar habitacións illadas dunha vivenda, só que o contrato formalizado ao amparo da autonomía privada, non serían vivendas turísticas e non estarían suxeitas á regulación autonómica existente na materia".

A sentenza tamén sinala que os fins de protección dos usuarios turísticos e a garantía e a sustentabilidade dunha actividade turística de calidade, citados na Lei de turismo galega, poden considerarse "unha xustificación de interese xeral que ampare determinadas restricións contidas na ordenación do turismo efectuada pola devandita lei".

Entre elas, alude á de que a oferta de vivendas turísticas e de uso turístico deban alugarse na súa totalidade, tendo en conta de que a posibilidade de alugar habitacións soas existe na ordenación de Galicia tanto nas modalidades tradicionais de aloxamento (hoteis, pensións e similares) como en alugueres particulares fóra da normativa turística.

"Así pois, nun ámbito circunscrito dese modo a unha soa modalidade de aluguer e coa finalidade de que a mesma poida manter unha maior calidade e protección dos usuarios, a exclusión do aluguer por habitacións pode considerarse unha regulación admisible e proporcionada desde a perspectiva da Lei de Garantía da Unidade de Mercado e da Directiva de servizos", sinalan os maxistrados.

REACCIÓN

A Xunta resalta que o fallo "apoia, tal e como vén defendendo o Goberno galego, que o obxectivo desta regulación non é impor restricións, senón facilitar un desenvolvemento turístico ordenado", protexendo os usuarios e garantindo a sustentabilidade dunha actividade de calidade.

Deste xeito, remarca que "avala a tese" de que as vivendas de uso turístico deben alugarse pola totalidade da vivenda e non por habitacións en base ao marco normativo autonómico.

De igual maneira, apunta que se mantén a posibilidade de que os concellos establezan limitacións respecto ao número máximo de vivendas de uso turístico por edificio ou sector, "se concorren circunstancias e razóns de imperioso interese xeral".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta