O Sergas realizará test de detección de COVID-19 a tripulacións da frota de altura e gran altura

É froito dun acordo asinado co Instituto Social da Mariña.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 05/06/2020 | Actualizada ás 17:40

Comparte esta noticia

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) realizará test serológicos de detección do coronavirus a todos os tripulantes de buques de pesca que realicen mareas superiores a dez días de duración e non teñan posibilidade de asistencia médica a menos de dúas horas desde a súa localización no mar, é dicir, á frota de altura e gran altura.

Pesca de altura.
Pesca de altura.

Segundo explicou o Goberno galego, en función do resultado da proba e da presenza ou non de sintomatoloxía, o facultativo do Instituto Social da Mariña, que fará o test facilitado polo Sergas, poderá tomar a decisión de completar o proceso de acordo co protocolo clínico, nos hospitais de Vigo, Santiago, A Coruña e Burela, no prazo máximo de 48 horas.

O sector pesqueiro mostrou o seu interese por articular intercambios de información sobre posibles casos de coronavirus entre os tripulantes, así como pola implementación de medidas sanitarias que eviten "demoras innecesarias ou períodos de inactividade ou bloqueo no normal desenvolvemento da campaña".

Esta iniciativa de detección do coronavirus a tripulacións de frota de altura e gran altura, consecuencia dun acordo asinado este venres entre o Sergas e o Instituto Social da Mariña, converte a Galicia na primeira comunidade autónoma en tomar esta decisión, e suporá a inclusión da COVID-19 nos estudos epidemiolóxicos realizados polo ISM, así como a súa utilización para a posta en marcha de campañas de divulgación e prevención sanitaria.

Igualmente, suporá a inclusión na formación dos tripulantes daqueles aspectos de hixiene, prevención e control de casos de contaxio e a aprobación, por parte do Instituto, dun conxunto de medidas hixiénico sanitarias para os traballadores do mar e outras persoas a bordo de embarcacións en relación co coronavirus.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta