Pescadores galegos avistan un arroaz solitario na ría de Muros e Noia

Este mamífero da familia dos delfínidos adoita convivir en grupo, pero é raro velo de maneira individual. Medio Ambiente lembra que é un animal salvaxe, "non unha mascota", polo que pide que non se moleste nin se tente xogar con el.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/06/2020 | Actualizada ás 19:20

Comparte esta noticia

Pescadores galegos que faenan na ría de Muros e Noia vistan desde hai varios meses a un arroaz solitario no mar. Aínda que a presenza destes exemplares non é, de seu, un feito peculiar, o novo é que adoitan convivir en mandas de 15 e non de forma individual.

Diso informa a Consellería de Medio Ambiente a través dun comunicado, no que explica que a soidade do arroaz "pode deberse a que en ocasións estes exemplares non son aceptados nas mandas e reclúense ata atopar outros individuos das súas mesmas características".

Ademais, a súa situación de illamento na ría de Muros e Noia fai que aumente a súa "curiosidade polas actividades humanas". No entanto, a Xunta lembra que se trata dun animal silvestre e "non dunha mascota", polo que apela a non molestar ao animal e a evitar "en todo momento" interactuar con el.

Así, a Consellería recomenda non ofrecerlle comida, non meterse intencionadamente na auga ao seu lado nin entrar deliberadamente no seu radio de contacto. No caso de estar no mar, deberase evitar tocalo nin aproximarlle as mans.

Se se avista desde unha embarcación, pídese non aproximarse nin interromper o seu comportamento, senón adoptar unha "posición neutral e indiferente" no caso de que o arroaz se achegue. Tamén é recomendable manter o mesmo rumbo e velocidade e evitar cambiar de dirección ou velocidade de maneira brusca.

Nota E Fotos: Pescadores Galegos Avistan Un Arroaz Solitario Na Ría De Muros Noia. Xunta de Galicia
Nota E Fotos: Pescadores Galegos Avistan Un Arroaz Solitario Na Ría De Muros Noia. Xunta de Galicia | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta